O Concello presenta a súa oferta deportiva municipal para o período estival

Comparte esta nota de prensa

  • Baixo o nome de VeraneAres Deportivo 2025, inclúense tres grandes propostas: os campamentos deportivos urbáns, os xogos en Cervás-Chanteiro e o programa de Xuventude Verán Activo.
  • O período de inscricións abrirá do 2 ao 12 de xuño para empadroados/as, e do 16 ao 20 de xuño para os non-empadroados en Ares.

 

LIGAZÓN – CAMPAMENTO DEPORTIVO URBÁN VERANEARES DEPORTIVO 2025

https://forms.gle/Eir6TwQ56TbncLyE8

LIGAZÓN – XOGOS DEPORTIVOS EN CERVÁS-CHANTEIRO VERANEARES DEPORTIVO 2025

https://forms.gle/V5GyDs56VZ9VEgrx7

LIGAZÓN – XUVENTUDE VERÁN ACTIVO VERANEARES DEPORTIVO 2025

https://forms.gle/7RAcyMVNsk1yi9k49

 

A localidade aresán arranca xa cos primeiros pasos relacionados coa chegada do verán, nesta ocasión presentando o conxunto de programacións do Concello relacionadas co eido deportivo e o desfrute da natureza, o denominado como VeraneAres Deportivo destinado a crianzas e mocidade.

A Concellaría de Deportes anunciou así as principais cuestións vencelladas con esta planificación que se desenvolverá en xullo e agosto en tres principais quincenas ou quendas: do 1 ao 15 de xullo (1ª quenda), do 16 ao 31 de xullo (2ª quenda) e do 1 ao 14 de agosto (3ª quenda).

Con todo, a esta oferta de carácter lúdico-deportivo hai que engadir o resto de eventos específicos que recalan en Ares e que teñen os seus propios procesos de difusión, como pode ser a organización da Milla Urbana, a Travesía a Nado ou campus como o promovido polo Real Club Celta de Vigo en Prados Vellos.

Campamentos deportivos urbáns e xogos en Cervás e Chanteiro

Chegarán coma en anteriores edicións os campamentos deportivos urbáns para a rapazada de 6 a 12 anos, un programa que contribúe á conciliación ao realizarse en horarios de mañás, de luns a venres laborables, entre as 10:00 e 13:00 h. Trátanse de actividades no pavillón municipal, a pista cuberta do CPI As Mirandas e espazos exteriores de Ares, como poden ser as prazas, parques e praias, nas que desenvolver a convivencia, a solidariedade, o respecto polo compañeiro e sobre todo o coñecemento da contorna.

Mais a esta oferta centrada no núcleo urbano de Ares se lle sumarán os xogos deportivos en Cervás-Chanteiro, que centralizarán as sesións no Centro Cultural Outeiro e permitirán pasalo ben aos pequenos e pequenas de 4 a 9 anos.

6 actividades para adolescentes

Para os rapaces e rapazas que se atopen entre os 12 e 16 anos, a Concellaría de Deportes achega 6 actividades en diferentes contornas naturais e infraestruturas públicas, de tal xeito que a mocidade poderá atreverse a probar o padelsurf ou o kaiak, aproveitar a boa climatoloxía para facer voleipraia, mellorar as súas destrezas coas raquetas con pádel e tenis de mesa ou moverse con danzas urbanas.

Inscricións telemáticas

A inscrición para este conxunto de actividades arrancará o luns, 2, ata o 12 de xuño, no caso de empadroad@s e, dende o 16 ata o 20 de xuño, para non-empadroad@s, con variedade de prezos en función do que se elixa.

A reserva de prazas será telemática no apartado de VeraneAres Deportivo 2025, cubrindo os formularios habilitados dentro da páxina web municipal (www.concellodeares.gal).

Zumba e baile latino ao aire libre

En paralelo a este proceso de inscricións, o municipio contará con sesións totalmente de balde dentro do “Móvete VeraneAres”, incorporando así zumba e baile latino ao aire libre; unha oferta ideal para aglutinar música, deporte, diversión e ocio na Praza da Constitución.

Durante todo o mes de xullo e a primeira quincena de agosto, desenvolveranse as sesión destas dúas destrezas de baile: os martes serán as de baile latino, namentres que os xoves haberá clases de zumba, ambas en horario de 20:30 a 21:30 h.

As inscricións neste caso teñen un proceso distinto ás anteriores: serán reservas por xornada ata as 11:00 horas do día anterior á actividade, ben no 981 448 057, ben inscribíndose en persoa na Alianza Aresana.

 

Pódeche interesar