- A iniciativa manterá o seu carácter divulgativo traendo á vila a profesionais do eido da saúde, dende psicólogos a especialistas en actividade física ou na nutrición, para que poidan interactuar cos veciños e veciñas.
- A primeira das sesións será o vindeiro 21 de novembro, co foco posto na xestión emocional.
A Concellaría de Benestar e a Concellaría de Deportes veñen de presentar esta mañá o programa que integra Academia AresXSaúde, unha proposta destinada a divulgar entre a veciñanza hábitos saudables dende unha perspectiva integral, ao interconectar entre si cuestións coma a nutrición, actividade física, o autocoidado e a saúde mental.
AresXSaúde integrarase neste curso 2025-2026 por 7 sesións divididas en seis xornadas, case sempre unha por mensualidade, impartidas todas elas por profesionais do deporte e da saúde, entrando en contacto coa veciñanza para resolver as súas dúbidas. O diálogo e a proximidade continuarán a ser dous piares básicos desta iniciativa, aos que se añade un principio de descentralización, pois haberá charlas non só na Alianza Aresana, tamén na Agrupación Instrutiva de Caamouco, no Club Náutico ou no CIRS de Cervás.
As charlas divulgativas principiarán neste mes de novembro e estenderanse até abril, con contidos vencellados á xestión emocional, os almorzos e merendas saudables –relacionados coa diabetes-, as opcións dispoñibles para unha xubilación activa, rutinas de fotoprotección ou mesmo exercicios para o solo pélvico.
A Academia, como tamén o fai o traballo desenvolto na Mesa Local de Saúde de Ares, é un dos elementos chave na construción dun municipio con máis benestar, incorporando iniciativas onde se acheguen bos hábitos en diferentes grupos de idade.
O inicio oficial do programa realizarase o 21 de novembro, a partir das 19:00 h., coa charla que impartirá José Barcia Tucceli, psicólogo e licenciado en Ciencias da Actividade Física e Deportes, centrada na xestión emocional e nas posibilidades para mellorar o noso día a día aumentando o coñecemento sobre o que sentimos.



