- Dende o 21 de xuño até o 12 de outubro, regresa un ano máis o servizo de ‘Ares desde o Mar’, unha iniciativa de carácter turístico para explorar a riqueza mariñeira da vila.
- Os percorridos a bordo do M. Presas estarán dispoñibles durante as fins de semana cun prezo de 15 euros para adultos e 8 para menores.
Lucía Blanco, concelleira de Turismo, presentou esta mesma mañá no consistorio de Ares as rutas turísticas a bordo do barco pesqueiro M. Presas, un dos principais servizos no período estival da vila. Dende o 21 de xuño até o 12 de outubro, o M. Presas navegará pola ría para axudar a ollar Ares dende unha perspectiva distinta, gozando da súa conexión coa cultura mariñeira e contemplando con calma a beleza do seu litoral.
Cada sábado e domingo, o M. Presas partirá en viaxes de hora e media tanto de mañá como de tarde dentro duns horarios fixos: de 11:00 a 12:30 horas, de 12:30 a 14:00 h. e, xa de tarde, de 17:00 a 18:30 h. e de 18:30 a 20:00 horas. Os percorridos terán un prezo de 15 euros para os adultos e 8 euros para os menores.
Os navegantes que se animen a desfrutar das rutas en barco poderán ollar o Porto de Redes, o Mourón ou a maxia das Illas das Mirandas, un lugar de profunda tradición mitolóxica arredor da súa Serea, que quizais poida albiscarse tamén nestas expedicións turísticas particulares.
“O M. Presas axúdanos a ver Ares dende a súa relación co mar, coa cultura pesqueira, e a experiencia enriquécese ao saber que o propio barco ten a súa historia: foi un barco de pesca tradicional doado en 2008 ao concello por un armador aresán, e a día de hoxe continúa ligado á divulgación do noso patrimonio mariñeiro”, salientou no acto de presentación a concelleira de Turismo, Lucía Blanco.
As persoas interesadas neste servizo poderán ampliar información e reservar prazas na Oficina de Información Turística municipal ou contactando cos teléfonos 981 468 259 e 609 224 223.