Esta planificación da área de Igualdade e Benestar inclúe sesións de memoria, lectoescritura, risoterapia e emprego de smartphones que se materializarán a partir do 1 de outubro.
As inscricións abrirán do 3 ao 20 de setembro, tramitándose no Departamento de Servizos Sociais de xeito presencial.
A Concellaría de Igualdade e Benestar de Ares vén de anunciar hoxe a programación que deseñou para arrancar o curso 2024-2025 na vila con múltiples obradoiros dirixidos aos e ás maiores de 55 anos empadroados/as no municipio.
Trátanse, nesta anualidade, de catro grandes tipoloxías de obradoiros, conformando unha oferta que permita brindar espazos de socialización e estimulación durante a tempada do outono ao verán, amais de fomentar lugares de aprendizaxe en cuestións como as novas tecnoloxías. A programación arrancará a partir do 2 de outubro, mais requerirá de inscrición previa do 3 ao 20 de setembro.
Deste xeito, impulsaranse obradoiros de memoria tanto en Ares —todos os luns pola tarde en dúas quendas— como en Cervás —durante os venres—. Fica pendente constituír grupo na contorna de Redes se se dá o número oportuno de integrantes, achegando así esta actividade de traballo cognitivo aos núcleos sociais das parroquias.
A localidade tamén contará con sesións de lectoescritura no centro de Servizos Sociais de Ares os martes de 10:30 a 12:00 horas, unha actividade que conectará lectura e escritura para mellorar o desenvolvemento e expresión de ideas, pensamentos e emocións.
Completará a oferta municipal o obradoiro de risoterapia, fundamental para liberar o estrés da cotiandade a través da risa aproveitando os beneficios mentais e emocionais que se obteñen grazas ó humor, todos os xoves no Centro de Recreo e Actividades Culturais sito na Rúa Petelo, e o obradoiro de smartphones, con tres grupos de traballo na Casa da Xuventude, divididos entre os luns e os mércores, para toda aquela persoa que desexe aprender a manexar o seu teléfono móbil intelixente e diferentes aplicacións do día a día como a banca electrónica, o e-mail, a galería de fotografías…
Para anotarse en calqueira dos catro obradoiros ou ampliar información, pódese acudir presencialmente ao edificio de Servizos Sociais de luns a venres, de 10:00 a 13:00 horas, ou contactar telefonicamente no 981 448 354.