O Concello presenta o programa do VIII Ares Indiano: gastronomía, divulgación histórica, música e moita máis cultura para conmemorar o legado dos migrantes cara América

Comparte esta nota de prensa

  • Cunha programación que inclúe dende os roteiros en barco, a pé e autobús ata mostras teatrais, clases de baile latino ou showcookings, a principal celebración lúdico-cultural do municipio reiterará o seu compromiso coa memoria da emigración aresá e galega.
  • O 22, 23 e 24 de agosto, Ares somerxerase nunha viaxe para ollar o pasado e entender as raíces que sustentan o presente.

 

A Concellaría de Cultura desvelou esta mesma mañá o programa completo que se despregará durante a fin de semana do 22, 23 e 24 de agosto pola oitava edición do Ares Indiano. Unha programación que non esquece a ningún público e que anuncia, en definitiva, a proximidade dun dos eventos referenciais na comarca de Ferrolterra.

Co foco posto en recoñecer e homenaxear a todas as persoas que migraron ás Américas, independentemente do éxito económico ou social que puideran acadar, Ares volverá a camiñar cara o pasado para aproximarse ao fenómeno migratorio dende múltiples perspectivas.

Así o reflicte o programa desta oitava edición, cun abano de formatos que fan do Ares Indiano unha celebración divulgativa e coa fondura que require a complexidade da temática da migración galega.

Entre as principias opcións, manteranse os tres tipos de roteiros –en barco pola ría, en autobús histórico polas parroquias ou a pé guiados polo artista Cayetano Lledó–, haberá espazo para os relatorios divulgativos e exposicións tematizadas –como é o caso das mostras de mulleres e o asociacionismo galego na emigración ou o achegamento a Delfín Vázquez, retratista de indianos–, elaboracións de pratos en directo, actuacións musicais, a recreación de escena indiana a modo de photocall da Sociedade Cultural O Tilo… e un sinfín de posibilidades para fortalecer o fondo vínculo do Ares Indiano coa memoria colectiva e a historia local.

TRES DÍAS PARA VIAXAR CONXUNTAMENTE AO PASADO

O venres, 22 de agosto, principiarán algunhas das actividades do programa, como é o caso da apertura do Mercado Indiano no paseo marítimo e dunha das grandes novidades: o Espazo Deputación da Coruña, no que se atopará unha carpa gastronómica na que, a través do programa provincial A paisaxe que sabe, se organizarán 7 showcookings e 2 degustacións de chocolate, amais dun mercado de artesanía galega. Será tamén un lugar para actividades de dinamización e de espectáculos multidisciplinarios como CORES, un episodio musical da serie Artistas de Reserva. O venres comezarán os pasarrúas e pecharase co grupo de teatro local A Cova do Trasno e a súa obra Zafra.

O sábado, 23 de agosto, arrancarán e estenderanse durante todo o día os roteiros a pé, en autobús histórico por Cervás e Redes e en barco pola ría, e tamén se organizará a inauguración institucional do evento ás 11:30 h.

Na mesma xornada organizaranse obradoiros infantís tematizados; Branca Escrigas pintará en directo escenas indianas co seu talento para as acuarelas; quen o desexe aprenderá a moverse ao compás dos ritmos latinos con Adrián Afonso e a divulgación terá o seu oco coa presentación do Libro de Actas da Alianza Aresana de Instrucción, delegación de Ares e das explicacións do estudoso local Javier Vilasánchez. Septeto Naborí, xa pola noite, porá á veciñanza a bailar con melodías traídas dende a illa de Cuba.

O domingo, 24 de agosto, proseguirán as animacións de rúa pola vila e seguirán dispoñibles, como ao longo de toda a fin de semana, as exposicións no CIRS de Cervás, a Agrupación Instrutiva de Caamouco e a Alianza Aresana. Os amantes da automoción poderán visitar a mostra de vehículos históricos en Redes, na baixada ao Pedregal, e os máis lectores atoparán iniciativas cun marcado toque literario: a presentación de ‘A hora sinalada’, de Rafael Catoira, obra gañadora do III Premio Alén de Novela, e o espectáculo de narración oral de  Vero Rilo e Santi Cribeiro, Tralalareira.

Ao peche do 24 de agosto, a voz de Xabier Díaz e as pandeiretas de As Adufeiras do Salitre porán o broche final ao VIII Ares Indiano mesturando a tradición oral galega co contemporáneo e rescatando os sons máis arraigados do territorio.

Con todo, estas serán só algunhas das propostas que deseñou o Concello para que todo o mundo poida viaxar ao pasado e recordar que aconteceu nesa Galicia e nese Ares de principios do século XX: por que e como marcharon os migrantes, quen ficou en terra e que sacrificios levaron a cabo todos eles a prol dun futuro mellor.

 

 

Pódeche interesar