Os respresentantes municipais promotores da iniciativa explicaron hoxe polo miúdo o conxunto de actividades para a difusión e posta en valor da historia e cultura mariñeiras de Ares

O Concello de Ares deu a coñecer o proxecto Ares Ultramarino, cunha presentación celebrada esta mañá na Alianza Aresana de mans da concelleira de Cultura, Alma Barrón, que estivo acompañada da edil de Turismo, Lucía Blanco, e a xerente dos GALP Golfo Ártabro Norte, Toñi Fernández.

No acto de hoxe Alma Barrón sinalou os obxectivos da iniciativa impulsada pola administración local, resaltando que se trata dun proxecto co que se pretende crear unha rede de entidades e actores sociais ligados á cultura mariñeira de Ares, ao sector turístico e ao empresarial co obxecto de valorizar a historia e os produtos do mar, poñedo en valor os recursos e patrimonio mariñeiro e a creación de produtos turísticos que sexan competitivos e comercializables, contando coa participación do sector pesqueiro.

O proxecto conta cun orzamento total de 40.595,50 €, dos que o 80% proceden dos GALP Golfo Ártabro Norte, sendo o restante de aportación propia.

A responsable de Cultura detallou que ao longo dos vindeiros
meses se emprenderán accións divulgativas que inclúen a creación da imaxe “Ares Ultramarino”; a realización de tres cursos de formación dirixidos á hostalería e comercio local; a edición e impresión dunha publicación relacionada coa temática (cunha tirada de 600 exemplares); un espazo expositivo itinerante (tv, un equipo de son, un scanner, dous portátiles e seis paneis); a creación da Ruta Ultramarina de Ares (contidos, mapas de localización e difusión, placas de identificación con códigos QR de ampliación de información); e outras accións relacionadas co Ares Indiano.