- O sábado, 14 de xuño, a veciñanza poderá visitar Valença do Miño, Vila Nova de Cerveira e Fortaleza por un prezo de 30 euros, incluíndo xantar e servizo de autobús.
- As inscricións para empadroados/as abren hoxe, 13 de maio, até o 23 deste mesmo mes, a partir do cal se habilitará o proceso para que se inscriban os non empadroados/as.
A Concellaría de Igualdade e Benestar organizará unha saída para visitar varias localidades lusas, facendo a Valença do Miño, Vila Nova de Cerveira e Fortaleza protagonistas desta viaxe. Facilitarase o desprazamento en autobús de ida e volta e tamén o xantar.
Será ademais unha experiencia idónea para explorar as vilas portuguesas que fan fronteira con Galicia, municipios marcados pola tranquilidade, a súa historia e arquitectura, todos eles en constante relación co río Miño. O viño verde, o bacallau e as tendas de tecidos continúan a ser bos motivos para gozar desta saída dende Ares.
A proposta municipal parte dun prezo de 30 euros e organizarase durante o sábado, 14 de xuño, con dous buses lanzadeira dende Cervás e dende a Porta do Sol. Contémplase marchar ás 8:00 h. da mañá de Ares e saír dende Portugal ás 19:00 h. (horario portugués).
INSCRICIÓNS XA DISPOÑIBLES
Xusto hoxe, 13 de maio, a área de Benestar abre as inscricións de forma presencial no Departamento de Servizos Sociais, sito na Praza da Constitución de Ares. Os empadroados poderán facelo até o 23 de maio, data na que se abrirá asimesmo o período para que se inscriban os non empadroados.
Poden achegarse até o Departamento de Servizos Sociais de luns a venres, de 8:00 h. a 14:30 h., e formalizar alí a inscrición ata o 6 de xuño. Para máis información, habilitouse o número de teléfono 981 448 354.