A Concellaría de Medioambiente entregará 400 dispensadores de bolsas para excrementos de mascotas na casa consistorial de forma totalmente gratuíta.
Tamén se difundirán contidos dixitais nos perfís da institución con mensaxes centrados na promoción de boas condutas entre a veciñanza.
A edila de Medioambiente, Lucía Blanco, presentou hoxe no consistorio de Ares a campaña que organizará nas vindeiras semanas na localidade dende a súa área de traballo, unha iniciativa de concienciación dos propietarios e propietarias de mascotas para fomentar a limpeza de deposicións dos cans nos espazos públicos.
Co foco posto en mellorar a convivencia entre a veciñanza e a promoción de boas condutas, o Concello repartirá dende o martes, 4 de marzo, preto de 400 dispensadores de bolsas para a recollida dos excrementos das mascotas totalmente de balde, dispoñibles na entrada do consistorio aresán.
A campaña, que xa tivo unha primeira edición na lexislatura pasada por parte da Concellaría de Medioambiente con outro reparto de dispensadores de bolsas e a colocación de cartelería pola vila, implicará a maiores a produción e difusión de contidos nas redes sociais da institución con mensaxes centrados na sensibilización da veciñanza no tocante ó coidado das rúas e parques de Ares.
Lucía Blanco tamén presentou estas creatividades gráficas no acto desta mañá e salientou que a iniciativa “pretende contribuír á mellora desta problemática e á convivencia dos nosos veciños e veciñas, tendo en conta que é un acto obrigatorio de limpeza e seguridade en Ares, e así se estipulou na ordenanza municipal que impulsamos en 2020”.