A administración local de Ares vén de recibir o borrador do proxecto de expropiación para mellorar o acceso a Estacas na zona urbana –na marxe dereita en dirección Estacas–, amais de ordenar neste pasado mes de abril a continuación dos traballos de limpeza, taluzado completo, estabilización de muros e poda e tala de todas as árbores dunha parcela situada no acceso dende o Porto ata o Camiño de Estacas –na marxe esquerda dirección Estacas–.
Dende o Concello enténdese que as árbores da finca supoñen un perigo para o tránsito de vehículos e peóns, debendo primar sempre a protección da vía pública e da veciñanza que a transite, e rexeitando os recursos presentados polos titulares da parcela en cuestión.
Con todo, non é a primeira orde de execución que reciben os titulares por parte da administración aresá, tendo en conta que os problemas de seguridade relacionados co mantemento da finca resultan considerablemente perigosos para a circulación no camiño.
De feito, os propietarios da parcela iniciaron un trámite de catalogación das árbores como senlleiras, desestimado pola Consellería de Medioambiente meses despois, pero que supuxo un retraso na materialización dos obrigados traballos de mantemento. A maiores, presentaron alegacións a todas as ordes de execución, sendo éstas desestimadas na súa totalidade.
Tras ese período de tempo, o Concello vén de continuar coas multas, que se incrementarán progresivamente en contía e que urxen á conservación adecuada dos noiros da finca e á pertinente poda das árboles, pois na actualidade superan o límite exterior dos muros, cos riscos que conleva este feito.