- Continúan os traballos destinados a acondicionar esta edificación do século XVII cun gran interese patrimonial, co foco posto en habilitalo para o seu emprego cultural e social.
- Traballarase sobre a tabiquería, a carpintería interior e exterior, o falso teito con aillamento térmico, a fontanería e carpintería, a electricidade e a iluminación, a partir dun investimento de 189.465, 50 euros asumido entre Concello e Deputación da Coruña.
A Concellaría de Urbanismo vén de anunciar a continuación da obra de reforma do interior da Reitoral nesta mesma semana, unha intervención centrada no acondicionamento do edificio incluído no catálogo de bens protexidos por Patrimonio e que ten as súas orixes a finais do século XVII. Os traballos céntranse na súa recuperación para destinalo a empregos múltiples dende o eido cultural ou social.
O conxunto de actuacións que contempla este proxecto de reforma conleva intervir en múltiples elementos do interior, de cara a aumentar a superficie útil da Reitoral dos actuais 171,13 metros cadrados en planta baixa aos 277,09 m2 despois da obra, gañándoos coa construción dunha media planta no primeiro andar.
Actuarase sobre as tabiquerías en planta baixa, a carpintería exterior con elementos de castaño e a interior con roble, o sistema de electricidade e iluminación, a fontanería e sanitarios, a auga quente sanitaria e a calefacción, e tamén se alicatarán os baños e se instalarán un falso teito con aillamento térmico, pavimentos de xeso porcelánico e unha escaleira de aceiro.
Con estas intervencións poderase deixar atrás a degradación actual que se produciu no edificio dende o seu abandono como vivenda do párroco, ao atoparse sen revestimentos, cunha planta superior que se viu afectada por desplomes accidentais e unha estrutura carente de forxados ou pavimentos.
Porén, conservaranse elementos como a envolvente exterior, a estrutura da cuberta, o muro interior de separación de espazos, o porche e portas de cantería, os recercados das ventás e portas ou o patín de entrada con escaleiras, un elemento que outorga singularidade ao inmoble, pois é unha das tres edificacións en todo Ares que conta cun patín destas características, xunto coas instalacións do Xulgado e a Casa da Xuventude, ambos xa de titularidade municipal e rehabilitados no seu día para os usos actuais.
Olimpia Marcos, concelleira de Urbanismo, salientou a “aposta que fixemos pola mellora do espazo dende o goberno local, e que ten continuidade grazas a esta nova actuación. Inicialmente executamos o desescombro da Reitoral, logo melloramos a envolvente, en 2021, e mesmo fixemos un primeiro pintado da fachada”.
Con todo, a acción do equipo de goberno non remata só coa intervención que vén de empezar, pois vén de recibirse unha nova subvención neste mes de xullo para dar unha nova capa de pintura á fachada, baixo un importe aproximado de 19.700 euros, e proximamente “incorporaremos un equipo de bombeo de augas pluviais nas inmediacións da Reitoral que evite as inundacións do seu aparcamento”, en palabras da edila de Urbanismo.
No que atinxe á reforma interior do edificio, o investimento total ascende a 189.465,50 euros, IVE incluído, repartido entre o POS+2024 da Deputación da Coruña (146.774,45 euros) e as arcas municipais (42.691,05 euros).