Esta semana iniciáronse os traballos deste proxecto de rehabilitación impulsado pola área de Urbanismo, dignificando unha infraestrutura con considerable valor etnográfico; espazos vencellados á identidade de cada parroquia e á memoria emocional da veciñanza.
Con esta intervención da Fonte da Tella, o número de lavadoiros recuperados pola institución aresá elevarase a catro, despois de reacondicionar o de Baixolo (Seselle), o de Bulleiro (Lubre) e A Torre (Cervás).
A Concellaría de Urbanismo dirixida por Olimpia Marcos vén de informar do comezo das obras de rehabilitación do lavadoiro da Fonte da Tella, en Lubre, un proxecto fundamental para a súa recuperación e que suporá un investimento total de 25.033,09 euros, asumidos entre o Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia (17.523, 16 euros) e as arcas municipais (7.509,93 euros).
A intervención paliará o grao de envellecemento que presenta todo o conxunto arquitectónico do lavadoiro, tendo en conta que na actualidade amosa múltiples fisuras, desconchóns e manchas na súa superficie. Ademais, harmonizarase toda a estrutura á contorna rural na que se inscribe, eliminando o impacto negativo na paisaxe local.
No marco da rehabilitación, os traballos centrarase na mellora dos revestimentos e acabados, con materiais nobres en consonancia co espazo no que se atopa o lavadoiro, e a rehabilitación do vaso do lavadoiro, incorporando cuestións de seguridade como a eliminación do amianto e a mellora da estrutura da cuberta. De igual xeito, executarase unha nova canle de desagüe. Na planificación urbanística contémplase un prazo de execución aproximado de dous meses dende o inicio das obras.
Aproveitando o comezo da intervención, Olimpia Marcos salientou “o esforzo do goberno local por recuperar o maior número de lavadoiros e fontes públicas posible cos recursos actuais. Somos conscientes de que forman parte da nosa historia e traballamos na súa posta en valor. Precisamente por iso impulsamos unha estratexia urbanística que nos permite dignificalos progresivamente, e xa podemos adiantar que o da Fonte da Tella non será o último”.
Sexa como for, o valor patrimonial dos lavadoiros está irremediablemente conectado coa función social que realizaron, ao constituirse como espazos de socialización e de construción de comunidade, mais tamén de lembranzas. Son, en esencia, unha parte da paisaxe de Ares e un lugar de escenas protagonizadas pola veciñanza que aínda anidan na memoria emocional dos e das aresáns.
Toda vez que finalicen os traballos de recuperación da Fonte da Tella, o Concello terá rehabilitados catro lavadoiros, incluíndo o do río Baixolo, en Seselle; o de Bulleiro, en Lubre, e A Torre, en Cervás.