- Os traballos redundaron nunha mellora da eficiencia enerxética do edificio ao intervir na envolvente térmica, no aillamento das fachadas, o sistema de calefacción e a iluminación con luminarias de tipo LED.
- A intervención supuxo un investimento de 105.000 euros, impostos incluídos, cofinanciado entre a Unión Europea (80 %) e a administración aresá (20 %).
O Centro Cultural Outeiro de Chanteiro conta dende este mes de xuño cunha nova infraestrutura tanto exterior coma interior destinada a promover un maior aforro enerxético en toda a edificación municipal, tras a execución do proxecto de mellora que se estaba a cometer nela.
De feito, a concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, o edil de Obras, José Juan Vilar, e a concelleira de Cultura, Alma Barrón, visitaron esta mañá o edificio para comprobar o resultado final da intervención nas instalacións.
Os traballos renovaron toda a envolvente, mellorando así o seu aillamento térmico, e modernizaron a súa iluminación interior coa implementación de luminarias de tipo LED, promovendo un maior aforro enerxético. Ademais tamén se substituiu a caldeira de gasoil por unha bomba de calor que emprega unha fonte de enerxía renovable.
O proxecto no Centro Cultural Outeiro traduciuse un investimento de 105.465,95 euros, impostos incluídos, con cargo a fondos europeos (81.469,46 euros), no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e as arcas municipais (23.996,49 euros).
Con todo, a intervención recentemente finalizada vén de inscribirse na estratexia de aforro enerxético e sustentabilidade do Concello, materializada paulatinamente ao longo do tempo e que xa tivo varias actuacións de carácter verde no municipio: dende a instalación de paneis fotovoltaicos na Casa da Xuventude, Servizos Sociais ou o depósito de Os Castros á posta en marcha de luminarias LEDs nos cascos urbanos de Ares e Redes ou a renovación integral do pavillón polideportivo municipal finalizada na primeira metade deste ano.