A área de Urbanismo vén de informar da finalización das obras que se estaban a executar no aparcadoiro da Reitoral de Ares, no seu núcleo urbano, destinadas a incorporar un equipo de bombeo para a recollida de augas pluviais.
Durante estas últimas semanas, os operarios instalaron dúas electrobombas somerxibles, xunto cunha tubería de impulsión de 63 mm de diámetro nominal e un pozo cilíndrico, e tamén se repuxeron os pavimentos con zahorra artificial e rego asfáltico.
O deseño desta obra parte dun obxectivo fundamental: axudar a solventar as problemáticas de inundacións que presenta o aparcadoiro cando se producen precipitacións intensas na zona, eliminando ou reducindo os riscos e consecuencias derivados de estas.
O proxecto supuxo un investimento de 46.889,53 euros, IVA incluído, asumido entre as arcas municipais e o POS+2024 Adicional da Deputación da Coruña.
Ademais da instalación do equipo de bombeo, a concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, tamén lembrou que “non é a única actuación desenvolta na zona, pois continúan os traballos no interior da casa Reitoral para acondicionala e tamén se impulsará o repintado da súa fachada”, reafirmando o compromiso do goberno local coa posta a disposición desta instalación á veciñanza.



