- A intervención armonizará o Mercado coa súa contorna e contribuirá á eficiencia enerxética ao cambiar as ventás, os acristalamentos e outros elementos de carpintería.
- Os traballos principiaron esta semana e contan cun orzamento próximo aos 40.000 euros, impostos incluídos.
A Concellaría de Urbanismo vén de informar hoxe mesmo do inicio dunha obra que intervirá no exterior do Mercado Municipal de Ares, fundamental na dinamización económica e na venda de produtos de proximidade na vila. Dende esta semana executarase no edificio municipal o proxecto básico de pintura e substitución de carpintería exterior, promovendo unha maior integración na súa contorna.
No que atinxe á carpintería, traballarase principalmente sobre as ventás, substituíndoas con perfís de PVC e abatibles e incluíndo un dobre acristalamento de cara a aillar mellor o Mercado e promover unha eficiencia enerxética de maior calidade.
E no relativo á pintura, aplicarase un repintado en todo o edificio con pintura acrílica de tonos brancos e grises, co fin de cumprir coa Guía de cor e materiais da Xunta e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), o documento que contempla as directrices técnicas e regula o emprego das cores e revestimentos en elementos arquitectónicos do territorio.
A intervención conta cun orzamento de 40.930,67 euros, IVE incluído, asumido con cargo ás arcas municipais a través dun préstamo do Instituto Galego de Vivenda e Solo, e supón un paso máis na liña de traballo impulsada dende o Concello para a modernización e mellora de envolventes de edificios municipais, como xa se fixo en espazos deportivos –o pavillón de Ares ou os vestiarios do Numancia– ou no local social do Outeiro, en Chanteiro.