- A área de Urbanismo vén de dar conta da presentación de tres proxectos á última convocatoria lanzada pola Consellería de Medioambiente para impulsar solucións naturais en chave local, previndo os riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos.
- Así, a institución aresá prevé culminar a renovación da pasarela de madeira do paseo fluvial da Xunqueira, actuando sobre o último tramo pendente, e continuar coa tala selectiva por seguridade, o desbroce das marxes e a limpeza de refugallos no humidal.
- A maiores, tamén se solicitan fondos para facer da Praza da Igrexa un lugar con maior confort térmico, reducindo o efecto de “illa de calor” con máis árbores, instalando novos bancos e elementos de estancia e impulsando melloras de iluminación ou pavimentos.
A concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, informou esta mañá dos últimos avances que se están a dar dende a administración local aresá para obter financiamento en varios proxectos de corte medioambiental, intimamente asociados á prevención dos efectos do cambio climático na contorna urbana; un conxunto de intervencións que permitirían actuar tanto na Xunqueira –nos últimos tramos pendentes de renovar no seu paseo fluvial– coma na Praza da Igrexa de Ares.
“Xusto neste mes de marzo presentámonos ás tres liñas de subvención da Consellería de Medioambiente centradas nos refuxios climáticos, como xa fixemos entre o 2024 e 2025, cando logramos que Ares fose unha das dúas entidades locais en toda Galicia, xunto con Vilariño de Conso, en obter 180.000 euros, o máximo importe posible, para actuar no humidal da Xunqueira”.
DOUS PROXECTOS PARA CULMINAR A RENOVACIÓN DO PASEO FLUVIAL DA XUNQUEIRA
Marcos detallou o fundamento das propostas que concurrirán á convocatoria da Xunta de Galicia: “partindo da nosa planificación, pretendemos culminar a rexeneración do humidal da Xunqueira con dous proxectos que intervirán nas vigas, correas, tarimas e varandas dos tramos que están pendentes de renovarse”, mantendo o enfoque das actuacións medioambientais que executou o Concello recentemente en gran parte deste espazo verde.
Nesa mesma liña, estes proxectos inclúen o desbroce das marxes, a limpeza de refugallos e a tala selectiva de ramas, poñendo en valor un humidal de gran interese pola súa fauna e vexetación, amais de ser lugar de desfrute e lecer da veciñanza.
“Dende o goberno local apostamos por impulsar estas actuacións medioambientais seguindo un proceso de ampliación e renovación do humidal sostido no tempo: non só prolongamos a pasarela en 2011 e 2013, senón que tamén o dotamos de máis equipamento —carteis informativos sobre a avifauna, refuxios de madeira para patos en zonas non inundables, niños e comederos para paxaros en masas arbóreas… — e repuxemos a madeira tendo en conta o seu desgaste, como aconteceu a finais de 2025, mais tamén en 2023”, salientou a edila de Urbanismo.
UNHA PRAZA DA IGREXA CON MAIOR CONFORT TÉRMICO
A terceira proposta presentada á liña de subvencións da Consellería de Medioambiente céntrase na Praza da Igrexa, para “lograr un deseño urbano que non só mellore no estético, senón que tamén garantice reducir o efecto illa de calor ao introducir novo arbolado, xerar sombras naturais e incrementar o confort térmico”, segundo contextualizan dende o Concello.
Baixo o enfoque da institución aresá, “o proxecto contribuiría a facer da praza un lugar máis amable, sostible en termos climáticos, con 62 árbores novos que actúen tamén como delimitadores de espazos, novos bancos e elementos de estancia, melloras de accesibilidade e tamén de iluminación”.
A actuación parte da delimitación máis dos usos da praza, “distinguindo entre unha zona central verde, con losa céspede a modo de pavimento permeable, ao filtrar a auga da choiva, e arbolado; unha zona lateral peonil e unha zona específica para circulación, con formigón desactivado”.
Trátase, en esencia, dun proxecto destinado a incorporar unha infraestrutura verde chave para facilitar o uso cidadán da praza, reforzando o seu papel como lugar de encontro veciñal na vida diaria e punto de conexión entre distintos ámbitos de Ares.












