- A área de Comercio municipal incorporouse un ano máis a esta iniciativa que promociona e visibiliza a función destes espazos chaves para estimular socioeconomicamente as vilas.
- Esta mañá, en colaboración co CPI As Mirandas, programouse unha visita do alumnado de primaria do centro educativo ó mercado municipal aresán, e o vindeiro sábado, 31 de maio, o grupo de gaitas Trouleada tamén fará unha actuación musical nas súas instalacións.
No marco das celebracións polo Día Internacional do Mercado, a concelleira de Comercio, Lucía Blanco, achegouse esta mañá ata o mercado municipal de Ares para acompañar aos preto de 75 nenos e nenas de primaria do CPI As Mirandas que visitaron aos praceiros.
En colaboración co centro educativo, o Concello promoveu este percorrido para que puideran entender como se organiza o mercado, como xurdiron as Prazas de Abastos e para que serven na actualidade, sabendo que cumpren unha función chave na venda de produtos de proximidade e na dinamización económica da vila.
O estudantado entregoulle a cada posto do mercado de Ares un pequeno mural cun eslogan personalizado e recibiron, de mans da concelleira de Comercio, un agasallo conmemorativo da campaña.
A Concellaría de Comercio que dirixe Lucía Blanco sumouse así á iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia en 41 mercados ou prazas de abastos en toda Galicia, o Quere o teu Mercado 2025, que pretende visibilizar o seu papel nas contornas urbanas e poñer en valor a calidade e atención personalizada dos praceiros.
Con todo, a celebración da efeméride continuará o sábado, 31 de maio, cunha actuación musical no Mercado de Ares grazas á banda de gaitas Trouleada, que percorrerá as instalacións para contribuír na dinamización do espazo de carácter municipal.