O Comité de Selección que se configurou para o II Concurso de Deseño do cartel anunciador do Ares Indiano 2026 vén de acordar, por unanimidade, declarar como deserto esta convocatoria do certame gráfico tras avaliar o conxunto de propostas presentadas, segundo o establecido na reunión mantida o pasado 1 de xuño.
O xurado, integrado por Alma Barrón, coma presidenta, e Anxo Fernández e Beatriz Martínez como vogais, determinou que ningún dos traballos acadaba a puntuación requerida para a adxudicación do premio, salientando que as obras “non reunían unha calidade mínima, carecían da representatividade suficiente sobre o evento indiano ou a vila de Ares ou estaban conformadas por elementos repetitivos de carteis de anos anteriores”.
A propia Barrón, dende a Concellaría de Cultura, fixo fincapé “no agradecemento que transmitimos ás persoas que participaron no concurso” e animounos “a intentalo de novo en próximas edicións” con novas propostas gráficas para o Ares Indiano.

