O DegustAres 2025 pecha a súa cuarta edición co Restaurante Tarrafa como gañador

Comparte esta nota de prensa

  • O pincho “Santa Catalina, Tierra de Sabores” lévase o primeiro posto, seguido no pódium pola “Miniburguer Ártabra” do CIRS Cervás e, finalmente, o “Petiscos de Mar” do Casino Aresano.
  • O venres pasado entregáronse os galardóns e concluíu oficialmente esta ruta de tapas municipal que promove o Concello.

 

A concelleira de Comercio, Lucía Blanco, formalizou o peche do DegustAres 2025 o venres pasado no salón de actos da Alianza Aresana co último evento pendente de organizar: a entrega de premios aos gañadores desta ruta do pincho municipal. Con presenza dos locais de hostalería participantes e da veciñanza, Blanco desvelou aos tres finalistas.

Despois de contabilizar as 96 follas de valoración válidas por parte dos clientes participantes, o Restaurante Tarrafa revalida o seu primeiro posto como mellor tapa de Ares, que tamén acadou en 2024, coa súa proposta Santa Catalina, Tierra de Sabores” (865 puntos), levándose un vale de 600 euros a investir no comercio aresán.

Séguelle no segundo posto a “Miniburguer Ártabra” (770 puntos), do CIRS Cervás, que recibiu un galardón de 500 euros, e completa o pódium o Casino Aresán co seu “Petiscos do Mar” (720 puntos) e un vale de 400 euros como premio.

A concelleira de Comercio, Lucía Blanco, estendeu os galardóns aos representantes dos tres negocios e felicitoulles polas súas propostas, “coidadas no sabor e na presentación”.

A  edila aproveitou a ocasión para agradecer a involucración dos hostaleiros que participaron na cuarta edición do DegustAres “pola súa dispoñibilidade, compromiso e traballo”, así como da veciñanza e dos axentes colaboradores: bodegas de vinos Ismael Arroyo e Valdelana, Abanca, Coca Cola e a empresa local Bodegas y Vinos Ares.

PREMIOS PARA OS CLIENTES PARTICIPANTES

Durante a celebración do acto sorteouse un vale de 100 euros entre o público asistente, mais os premios para os clientes participantes non quedaron só nisto; a Concellaría de Comercio tamén distribuiu outros 5 vales cun importe de 100 euros, xunto cun par de botellas de viño magnum (Ribera del Duero e Bodegas Valdelana, igualmente repartidas entre os hostaleiros participantes), nun segundo sorteo entre a veciñanza que depositou correctamente a folla de valoracións.

 

 

Pódeche interesar