- O Concello vén de iniciar os traballos de cambio da cuberta da infraestrutura situada na Praza da Constitución, onde se incorporarán aillamento térmico de poliestireno, placas de fibrocemento e tellas de cerámica curva.
- A intervención contará cun orzamento de 58.000 euros, financiados cun préstamo do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).
Esta mesma semana veñen de iniciarse os traballos de reposición da cuberta no edificio municipal de Servizos Sociais, tal e como o notificou a Concellaría de Urbanismo, impulsando unha mellora da eficiencia enerxética nesta infraestrutura.
O Concello renovará así o aillamento térmico con paneis de poliestireno e incorporará unha nova cuberta con pracas de fibrocemento, amais de materializar unha cobertura completa de tellas de cerámica curva en cor vermella.
A obra contará cun orzamento de 58.107,89 euros partindo dun préstamo do Instituto Galego de Vivenda e Solo como apoio ao financiamento.
Con todo, a reposición da cuberta non será o único cambio que verá o edificio de Servizos Sociais, pois o proxecto de mellora de toda a súa envolvente xa se atopa en fase adxudicación, de tal xeito que se renovará ao completo o exterior da infraestrutura baixo criterios de eficiencia enerxética.
A concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, contextualizou a intervención dentro da “planificación do goberno local centrada na mellora e impulso de edificios municipais, como aconteceu no caso do pavillón polideportivo, os vestiarios do Numancia ou o local social do Outeiro”.