- Dúas serán as actuacións que se organizarán no municipio: o 20 de setembro, no Centro Cultural Outeiro de Chanteiro e o venres, 26 de setembro, no Casino Aresano, con entradas de balde.
A sétima edición do Festival Internacional de Entes Animados (FESTEA) organizarase un ano máis en 8 concellos da comarca de Ferrolterra, como se debullou no acto de presentación realizado onte: Ares, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Neda, Valdoviño e Narón, espazos que recibirán a diferentes artistas e compañías internacionais durante as vindeiras semanas para presentar os seus espectáculos que abranguen “desde o teatro de títeres de luva até a narrativa teatral máis engaiolante”.
No que atinxe ao municipio aresán, os espectáculos de bonicreques despregaranse en dúas xornadas distintas, cada unha delas nunha localización diferente, mais sendo en calquera caso unha boa oportunidade para achegarse a artistas de gran nivel.
A primeira función desenvolverase o sábado, 20 de setembro, a partir das 18:00 horas no Centro Cultural Outeiro de Chanteiro, e será a ocasión de desfrutar da obra ‘Marieta la Valiente’, a cargo da compañía brasileiro-española Trapusteros Teatro.
E a segunda chegará ao núcleo urbano do municipio, nas instalacións do Casino Aresano, o venres, 26 de setembro, dende as 20:00 horas, coas actuacións do grupo francés Pelele na obra ‘La muerte de don Cristóbal I’. Neste caso, “seguindo a técnica tradicional mediterránea dos monicreques, pero incorporando un ritmo e unha estética máis próximos aos debuxos animados, conta a historia universal da vontade de vivir, onde o humor, a enerxía e a caricatura transcenden o medo e a violencia”.
A entrada será libre para os dous eventos e enfatizará a relevancia do FESTEA como un evento cultural destinado a gozar de obras de pequeño e mediano formato tanto de España como doutras compañías europeas.
Ao longo desta sétima edición, as compañías convidadas nesta nova edición do certame son: Trulé (Portugal), Trapusteros Teatro (Brasil/España), Kalina-El árbol que camina (Bélxica/España), Fértil Cultural (Portugal), Pelele (Francia), Búho Teatro (España), Márcia Leite (Portugal) e Pizzicatto (Arxentina).