O lavadoiro de Fonte da Cal, en Chanteiro, recuperarase cun proxecto de rehabilitación do Concello

Comparte esta nota de prensa

  • Será o quinto lavadoiro que se reacondicionará despois dos traballos realizados dende a Concellaría de Urbanismo en Baixolo (Seselle), Bulleiro (Lubre), A Torre (Cervás) e, no verán pasado, Fonte da Tella (Lubre)
  • A intervención eliminará o feísmo, dotará ao conxunto de lavadoiro e fonte de maior harmonía e rehabilitará tanto a súa estrutura como cuberta.

 

O Concello vén de anunciar hoxe o inicio das obras para rehabilitar o lavadoiro de Fonte da Cal, no núcleo de Chanteiro, totalmente descontextualizado da súa contorna rústica e natural e con elementos que dotan á estrutura dun feísmo xeralizado.

Toda vez que finalice esta intervención, será o quinto lavadoiro reacondicionado polo goberno local, sabendo a relevancia patrimonial e emocional que teñen para a veciñanza de Ares e dando continuidade á estratexia urbanística que permite dignificalos ao longo do tempo.

Neste caso, traballarase tanto sobre a estrutura do propio lavadoiro, composto na actualidade por muros de ladrillo revestidos e pilares de formigón, e tamén sobre a fonte próxima a este. Incorporanse novos sillares de granito, eliminarase a actual cuberta de chapas de fibrocemento con amianto para instalar unha nova con tellas de cerámica curva e adaptarase todo o conxunto ao contexto no que se inscribe, dotando dunha maior harmonía tanto ó lavadoiro como á fonte.

Rehabilitarase un novo espazo cun considerable valor emocional para a veciñanza, ao actuar como lugar de socialización e construción de comunidade no pasado, “proseguindo cos esforzos do goberno local por recuperar o maior número de lavadoiros e fontes públicas posibles cos recursos actuais”, salientou Olimpia Marcos, concelleira de Urbanismo, que tamén puxo en valor “os catro lavadoiros nos que xa intervimos e rehabilitamos ao longo dos últimos anos, dende Fonte da Tella, o verán pasado, ao do río Baixolo, en Seselle, tamén coa súa fonte; o de Bulleiro, en Lubre, ou a Torre, en Cervás”.

No caso de Fonte da Cal, os traballos supoñen un investimento de 38.217, 29 euros, asumidos entre as arcas municipais (18. 217, 25 euros) e o Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta de Galicia (cunha achega de 20.000 euros).

 

Pódeche interesar