O municipio acollerá a XVIII Bandeira Concello de Ares da liga ACT

Comparte esta nota de prensa

  • Este domingo, 31 de agosto, a vila tinguirase de azul un ano máis para apoiar ao seu Club de Remo de Ares e ver na súa casa o desempeño da tripulación da Santa Olalla de Lubre.

 

Julio Ignacio Iglesias Redondo, alcalde da localidade, e Germán Sánchez e José Montero ‘Peli’, presidente e secretario respectivamente do Club Remo Ares, presentaron esta mañá diante do consistorio unha das principais citas deportivas deste mes de agosto: a XVIII Bandeira Concello de Ares chega ó municipio para que todo seareiro xabrento acuda a apoiar á Santa Olalla de Lubre nesta regata da Eusko Label Liga.

A vila aresá inundarase dunha marea azul para alentar dende a contorna do Porto aos remeiros e remeiras locais o vindeiro 31 de agosto, a partir das 12:00 horas. Unha regata ineludible tamén para os afeccionados ao remo en xeral, ao ser unha oportunidade para ver de preto a todas as tripulacións que compoñen a máxima categoría do remo do Cantábrico e Atlántico.

Con todo, dende o Concello animan a amosar un ano máis o apoio de todo Ares ao seu club de remo, un equipo que continúa na senda do sacrificio, traballo e humildade para acadar os resultados: tamén nesta tempada os remeiros da Santa Olalla sacaron a bravura xabrenta para manterse na ACT con orgullo.

Só queda por dicir Aúpa Ares!

 

Pódeche interesar