O Nadal en Ares: unha ampla oferta con concertos, cabalgatas, obradoiros tematizados e moito deporte para rematar o ano

Comparte esta nota de prensa

O Concello vén de anunciar hoxe a programación municipal do mes de decembro e comezos de xaneiro dende a perspectiva cultural e deportiva, incluíndo tamén obradoiros destinados á mocidade.

Xogos nas parroquias, a I Ruta Ciclista Popular por Ares, o zumba na Praza da Constitución e a XIX Carreira Popular Fin de Ano serán os eventos deportivos que recalarán no municipio durante o Nadal.

Os obradoiros culturais que se promoverán nestas datas, centralizados na Biblioteca municipal, precisarán de reserva previa na web institucional dende o luns, 9 de decembro, ás 18:00 horas.

A Concellaría de Cultura e Deportes presentou esta mesma mañá a programación navideña para o vindeiro mes de decembro e primeiros compases de xaneiro.

Despois do acendido da iluminación de Nadal este mércores pasado, Ares somerxerase nunha celebración que aglutina actividades culturais, deportivas e para a mocidade, a maiores dos tradicionais eventos asentados na vila, como é o caso do XIII Certame de Panxoliñas (22 de decembro) ou as Cabalgatas de Papá Noel (24 de decembro) e a de Reis Magos (5 de xaneiro).

No apartado cultural, haberá unha gran presenza da música, con espectáculos e concertos entre a Igrexa San Xosé de Ares e a Alianza Aresana, no que a veciñanza poderá gozar, entre outros, da narración oral e melodías de Tarabela Creativa ou as voces dos Coros Infantil e Coro Xove da Orquestra Sinfónica de Galicia.

A área de Cultura do Concello tamén incorpora unha ampla oferta de obradoiros tematizados, con manualidades de Nadal, deseño de postais ou pastelería creativa, e outras iniciativas para os máis pequenos, como xogos buscapistas ou karaoke, que encherán de movemento a Biblioteca Municipal da vila.

Con todo, é necesario lembrar que os obradoiros culturais requiren de reserva previa o luns, 9 de decembro, a partir das 18:00 horas na páxina web www.concellodeares.gal, e terán un custe de 3 euros, agás o de pastelería creativa, que ascende a 6 euros.

 

OFERTA DEPORTIVA

Xunto co   apartado   lúdico-cultural,   o   Concello   vén   de   deseñar   unha programación centrada na dinamización deportiva da veciñanza.

Diversificarase a oferta polas contornas de Chanteiro, Cervás e Caamouco grazas aos Xogos nas parroquias; haberá espazo para descubrir Ares nunha das novidades deste ano, a I Ruta Ciclista Popular do sábado, 28 de decembro, accesible para as familias pola súa dificultade baixa; os e as corredoras volverán a percorrer Ares e Mugardos na XIX Carreira Popular de Fin de Ano (29 de decembro) e, finalmente, a veciñanza poderá despedirse do 2024 a ritmo de zumba (31 de decembro) na Praza da Constitución.

Tamén estas programacións precisarán de inscrición previa na web municipal, no apartado de Vive o Nadal, vive Ares, agás a XIX Carreira de Fin de Ano, cuxa reserva se realiza na páxina web www.carreirasgalegas.com, cun prezo de 5 euros.

 

CAMPIONATOS E OBRADOIROS NA CASA DA XUVENTUDE

A mocidade aresá contará coas súas propias actividades na Casa da Xuventude municipal entre os campionatos e obradoiros que se materializarán nesta instalación pública.

Dende o 23 de decembro e até o 3 de xaneiro, en diferentes datas haberá a posibilidade de participar en torneos de tenis de mesa, futbolín, xogos en rede e eSport ou billar, mais tamén formarse en cuestións directamente vencelladas coas Tecnoloxías da Información e Comunicación (TICs) dentro dos obradoiros de Software Libre ou de Ocio e Operacións na Internet, sempre en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas.

Todas estas actividades terán o seu proceso de reserva previa tanto presencial, na propia Casa da Xuventude, como telemática no sitio web do Concello, a partir do vindeiro luns.

 

Pódeche interesar