Nesta cerimonia, os representantes dos concellos participantes, xunto con responsables da Xunta de Galicia, outorgaron diplomas aos alumnos-traballadores.
Os municipios de Ares, Cabanas, Fene e Mugardos deron por terminado oficialmente o noveno taller de emprego Reinicia. O acto tivo lugar na sede das Alianzas Aresanas e contou coa presenza dos alcaldes e concelleiros das localidades involucradas, así como co alumnado e o persoal docente dos cursos formativos.
O concelleiro de Emprego Luis Cendán, a concelleira de Benestar Victoria Montenegro e a concelleira de Urbanismo Olimpia Marcos, foron os representantes da administración municipal de Ares. Martina Aneiros, delegada territorial da Xunta en Ferrol, tamén estivo presente no acto.
Durante a cerimonia, os alumnos-traballadores recibiron os seus diplomas e certificacións de profesionalidade de mans das autoridades. Estes recoñecementos acreditan as máis de 550 horas de formación teórica e práctica que completaron nos últimos meses como parte do seu proceso de especialización.
A directora do obradoiro de emprego, Carmen Yáñez, deu comezo dando a benvida aos presentes, para a continuación facer un repaso das actuacións que implicou o obradoiro nos distintos concellos, ao tempo de destacou que “a inserción laboral que se calcula estará ao redor do oitenta por cento, o que supón o cumprimento dos obxectivos deste tipo de programas”.
Pola súa banda, Martina Aneiros, en representación da administración autonómica, tomou a palabra para resaltar que este obradoiro é o froito do traballo conxunto dos catro concellos, incidindo na importancia da colaboración institucional e o traballo dos equipos técnicos para facelo posible. Tamén transmitiu os seus parabéns ao alumnado polo “esforzo en acadar o fin deste tipo de accións formativas, que os sitúa cunha formación e expectativas de acceder ao mercado laboral moito maiores”.
Neste mesmo sentido, o concelleiro de Persoal de Ares, Luis Cendán, agradeceu na súa intervención o traballo de todos os implicados e salientou que o alumnado “conclúe este programa cunha formación de calidade e cun certificado de profesionalidade que axudará á maioría a ter un posto de traballo case inmediato”.
Do mesmo xeito que en edicións anteriores, o programa Reinicia centrouse no desenvolvemento de competencias profesionais en contornas laborais reais, co obxectivo de proporcionar unha experiencia laboral que se axustase ás demandas de cada profesión.
No taller deste ano, dez persoas recibiron formación en Traballos de Carpintería e Moble, mentres que outras dez especializáronse no campo da Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais.
Os participantes do Reinicia IX levaron a cabo actividades que beneficiaron aos municipios colaboradores, no caso de Ares, a fabricación e colocación dunha nova varanda de madeira no Parque Rosalía. Ademais, na especialidade de Atención Sociosanitaria, realizaron períodos de prácticas nos centros de día de atención a persoas maiores de Ares-Caamouco, Ferrol-Caranza e Ferrol-Esteiro, pertencentes ao Consorcio de Igualdade e Benestar, así como no centro de día de AFAL.