O obradoiro dual de emprego Reinicia clausura a súa undécima edición

Comparte esta nota de prensa

  • Vinte alumnos traballadores remataron a súa formación teórica-práctica e recibiron os seus respectivos certificados de empregabilidade.
  • Representantes dos Concellos de Mugardos e Fene, amais da Delegación Territorial da Xunta en Ferrol, acudiron hoxe á Alianza Aresana para realizar o acto institucional de peche.

 

O salón de actos da Alianza Aresana acolleu esta mesma mañá a clausura do Reinicia XI, o obradoiro de emprego dual que incorpora formación teórica e práctica para aqueles que desexen mellorar os seus perfís laborais e a súa inserción no mercado.

Xunto co alumnado-traballador, ao acto acudiron todas as autoridades involucradas na materialización do obradoiro: o Concello de Ares, representado pola tenente-alcalde, Alma Barrón, e os de Fene e Mugardos, coa rexidora fenesa Sandra Permuy e o alcalde mugardés Juan Domingo de Deus, ademais da Xunta de Galicia, a través da delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, e o director territorial de Emprego, Juan José Couce.

Os dezaoito alumnos e alumnas recibiron o seu certificado acreditativo de empregabilidade polo período formativo e puxeron fin así a 9 meses onde se especializaron en Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e en Traballos de carpintería e moble, cunha modalidade centrada na aplicación de lacas e varnices.

Ambas opcións contemplaron contratos de aprendizaxe en empresas e contornais reais laborais, impulsando a empregabilidade do alumnado. No caso de Ares, actuaron no centro de día de Caamouco no que respecta á atención sociosanitaria e executaron intervencións nas carpintarías exteriores do Mosteiro de Santa Catalina, colocando ou substituíndo as súas ventás ou contribuíndo ao mantemento de carpintarías instaladas noutros obradoiros do Reinicia.

Durante as alocucións, Alma Barrón, como representante do municipio anfitrión nesta anualidade, salientou a pegada que deixan todos os alumnos-traballadores “en forma de obras e servizos prestados” e agradeceu “a súa involucración”, mais tamén puxo en valor “o rol do equipo docente deste Reinicia” e dos técnicos que fan posible o obradoiro.

Por parte da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros pechou o acto enfatizando a importancia de traballar coordinamente entre administracións municipais e autonómica, como acontece no caso do Reinicia, e resaltou que “paga a pega todo o esforzo de financiamento e organización dunha actuación así”, que procura a empregabilidade dos alumnos e achega “tanto formación como prestación dun servizo”.

O obradoiro dual de emprego contou coa subvención e apoio da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia.

 

Pódeche interesar