- Os veciños Rogelio Ríos, Dioma Diouf e Ernesto López Naveiras dialogan arredor do proceso migratorio, interconectando a emigración galega retornada e a que chega á vila.
- O equipo de Tarabela Creativa vén de publicar a conversa íntegra na súa canle de Youtube, co patrocinio do Concello de Ares.
Un diálogo entre a emigración de Ares no pasado e a inmigración no presente: así presentaron dende Tarabela Creativa o seu videopódcast, recentemente publicado e inscrito no seu proxecto ‘Cruza sen mirar’, que conta co apoio económico dos Concellos de Ares, Santa Comba e Culleredo para pensar colectivamente o proceso migratorio galego.
O videopódcast senta a Rogelio Ríos, fillo de emigrantes galegos nado en Cuba e veciño de Ares, Dioma Diouf, veciña de orixe senegalés, e Ernesto López Naveiras, estudoso local sobre a memoria migratoria de Redes, para abordar ese diálogo entre o migrante retornado e quen chega á sociedade aresá na procura dun espazo no que medrar e desenvolverse.
Coa estreita colaboración da Concellaría de Cultura e da área de Servizos Sociais, ‘Cruza sen mirar’ desenvolveu no municipio un traballo de diálogo social, procurando construír unha memoria migrante do territorio e efectuando diferentes entrevistas con axentes locais que estudan, participan ou afondan nela.
EVENTO PRESENCIAL EN DECEMBRO
A maiores deste videopódcast, ‘Cruza sen mirar’ tamén promoverá un evento presencial baixo o formato de talk-show, conectando experiencias vitais e análises arredor da migración dende diferentes perspectivas.
Será o 15 de decembro, cando se achegarán á Alianza Aresana unha experta psicóloga para contextualizar o impacto da identidade no feito de emigrar; unha narradora oral uruguaia –Soledad Felloza–; unha poeta de Bombay, (India) –Yamina Teresa Prabhu Barretto–; mediadores culturais; traballadores sociais… e os propios veciños e veciñas que participan das entrevistas do videopodcast.
Así, tecerase unha memoria emocional do migrante de Ares, sempre a partir da busca de puntos de conexión e reflexión e coa vocación de tender lazos entre colectivos.
Ligazón do videopódcast completo: https://www.youtube.com/watch?v=tZOeTHL4NtE.






