O Punto Limpo de Vilar do Colo compartido entre Ares, Fene e Cabanas abrirá as súas portas o vindeiro luns, 20 de xaneiro

Comparte esta nota de prensa

A Xunta autorizou a posta en marcha deste servizo esencial para os tres concellos involucrados, destinado a facilitar á veciñanza o tratamento axeitado de residuos voluminosos, aparellos electrónicos ou refugallos que requiran dunha xestión especial.

Onte, as autoridades representantes dos concellos, así como a Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, celebraron un encontro nas instalacións de Vilar do Colo.

O alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias Redondo, xunto con Juventino Trigo e Fernando Couce, rexedores dos concellos de Fene e Cabanas, celebraron este xoves pasado un encontro coa delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros, co foco posto na inminente inauguración do Punto Limpo compartido de Vilar do Colo.

No acto, os representantes das institucións involucradas coincidiron na relevancia de destacar a xornada como un “momento histórico para os concellos”, poñendo a disposición da veciñanza unhas novas instalacións pensadas para a xestión de residuos e o coidado do medioambiente.

O Punto Limpo funcionará dende o próximo 20 de xaneiro de luns a venres, de 16:00 a 20:00 horas, e os sábados de 10:00 a 14:00 horas. O seu obxectivo principal é facilitar o tratamento axeitado para refugallos domésticos que non poden depositarse nos colectores convencionais, como voluminosos, aparellos electrónicos ou residuos especiais.

Así, culmínase unha longa traxectoria para esta infraestrutura ecolóxica que comezou coa construción das instalacións en 2013 e que tivo que superar un longo percorrido administrativo antes de recibir a autorización final da Xunta de Galicia para a súa apertura, tras a sinatura do convenio entre Fene, Ares e Cabanas en 2021 que permitiu desbloquear a situación.

 

Un servizo esencial para o medioambiente e a economía circular

Ao mesmo tempo que garante unha maior independencia na xestión de residuos voluminosos e a súa reciclaxe, o Punto Limpo inclúe un espazo adicado á economía circular, onde a veciñanza poderá reparar ou intercambiar enseres e aparellos aos que aínda lles quede vida útil. Un xeito de fomentar a reutilización e aproveitamento dos recursos contribuíndo á sustentabilidade.

A maiores de impulsar o tratamento de residuos, a nova infraestrutura de carácter verde reforza a colaboración municipal dos tres concellos, aumentando os compromisos de Ares, Fene e Cabanas na xestión sostible e a protección do medioambiente.

 

Pódeche interesar