O Concello organizou no Centro Cultural Outeiro de Chanteiro un segundo showcooking co foco posto no ourizo de mar, un dos produtos estrela do Océano Atlántico. Ata alí se desprazou o venres pasado o chef Adrián Pérez, do restaurante Sinxelo, para preparar en directo tres elaboracións que amosaron todas as posibilidades culinarias deste ingrediente tan singular.
Escuma de ourizo con panko frito, brioche recheo de ourizo de mar con emulsión de xema e un ravioli de ourizo con crema de queixo San Simón foron as receitas que preparou Pérez, dándoas a probar ao público asistente. O formato do showcooking combinou as explicacións de elaboración coa degustación e a posta en valor deste “produto do mar de enorme calidade, tan vinculado á tradición mariñeira de Chanteiro”, en palabras de Lucía Blanco, concelleira de Turismo e Comercio, que se achegou até o evento en representación da institución aresán.
A iniciativa gastronómica enmarcouse dentro do proxecto “O ourizo de mar, un tesouro posto en valor onde o Atlántico goza”, impulsado polo Concello de Ares xunto ao Centro Cultural Outeiro de Chanteiro, e co apoio da Consellería do Mar, o GALP Golfo Ártabro Norte e fondos europeos.