Durante as xornadas do 15 e 16 de xuño, o programa municipal trasladarase dende Galicia até a Serra do Sueve e senda costeira Queiruas-Canero por un prezo de 90 euros, pernocta e transporte incluídos.
A área de Deportes abrirá as inscricións para empadroados/as o luns, 13 de maio, ás 18:00 horas, até o mércores, 15 de maio, nesa mesma franxa horaria das 18:00 h. A partir desa data poderán inscribirse os non-empadroados no municipio.
A Concellaría de Deportes vén de anunciar un roteiro extraordinario que se incorpora á programación do SendAres 2023-2024, indo máis aló da exploración do patrimonio natural galego: os interesados poderán achegarse até Asturias durante a fin de semana do sábado, 15, e domingo, 16 de xuño. Deste xeito, a área deportiva municipal abrirá o próximo luns, 13 de maio, ás 18:00 horas o proceso de inscrición a través da páxina web institucional (www.concellodeares.gal), arrancando cos trámites para as persoas empadroadas en Ares.
Na ruta deseñada polo Concello establecéronse dous itinerarios, un por día, para afondar na natureza asturiana do mellor xeito: a través do sendeirismo.
O 15 de xuño achegaranse até a Serra do Sueve, un conxunto montañoso no que poderán ollar as chairas de Bustaco e os restos de cabañas que son testemuñas da antiga actividade gandeira. Logo continuarán ata o cumio da Serra, o Pienzu, e descenderán ata o reino case máxico do hayedo de Biescona, finalizando o percorrido de aproximadamente 13 quilómetros e dificultade media.
No que atinxe ao 16 de xuño, os sendeiristas coñecerán o impresionante patrimonio litoral da costa occidental asturiana. Visitarán o Cabo Bustu, unha espectacular atalaia, e camiñarán ao carón de grandes arenais até acadar a pequena ría do Esva, cun sistema dunar que destaca pola súa beleza e interese xeomorfolóxico. Percorrerán uns 12 quilómetros cunha dificultade fácil.
O prezo para toda a experiencia de fin de semana é de 90 euros, incluíndo os servizos de guía, transporte e seguros, amais do aloxamento dunha noite no albergue El Congreso de Villaviciosa (con almorzo, sábanas e toallas). O autobús partirá o sábado, 15 de xuño, da Praza de Igrexa de Ares ás 05:30 h. e chegará á localidade o domingo, 16 de xuño, preto das 20:30 horas.
A Concellaría de Deportes habilitou 34 prazas para a actividade, que se cubrirán por orde de inscrición seguindo os prazos establecidos: primeiro empadroados e, posteriormente, dende o 15 de maio ás 18:00 horas en adiante, os non empadroados.