- A Concellaría de Deportes vén de presentar esta mesma mañá a oferta de itinerarios que se organizarán durante o outono e primaveira, cubrindo dende setembro até abril, inclusive.
- A primeira saída do programa é dobre, con desprazamento e pernocta en León, e dúas rutas nas xornadas do 27 e 28 de setembro: Travesía Puerto Las Señales-Maraña e Maraña-Acebedo
Os bloques de roca cuarcítica da Cordilleira Cantábrica, camiños ao carón do mar, cantís impresionantes… a paisaxe volverá a protagonizar o SendAres 2025-2026, a programación municipal de sendeirismo que vén de presentarse hoxe mesmo na súa totalidade. Durante o outono e primaveira, a Concellaría de Deportes organizará 9 rutas que procurarán facer do deporte un bo motivo para explorar o territorio galego e algúns recunchos de Castela e León.
A nova tempada do SendAres continuará de feito poñendo en valor o patrimonio natural de Galicia e tamén o de máis proximidade a Ares, facilitando á veciñanza os desprazamentos e os servizos de guía nas súas saídas.
Os roteiros principiarán en setembro, cunha viaxe até o municipio leonés de Riaño, onde se promoverán dúas rutas de fin de semana, unha o 27 e outra o 28 de setembro.
Logo continuará o SendAres con itinerarios na contorna do río Sor, en Mañón (26 de outubro), Oleiros (23 de novembro), Ferrol e o cabo Prior (21 de decembro), Oza dos Ríos-Coirós-Betanzos (25 de xaneiro), Narahío-San Sadurniño (22 de febreiro), Cedeira-Cariño (29 de marzo) e, finalmente, a última ruta en Mondoñedo (26 de abril).
Todas elas partirán dun proceso individualizado de inscrición, sempre vía telemática, e contará con 25 prazas e 20 euros de prezo, agás a saída con dúas rutas en León, que custará 150 euros incluída a pernocta. Nas cuotas inclúense os servizos de guía, os seguros necesarios para a práctica da actividade e os desprazamentos de ida e volta dende Ares.
Inscricións para as primeiras rutas por León
Xunto coa presentación do SendAres 25-26, tamén se abrirán dende mañá, 5 de agosto, ás 14:00 h. as inscricións da primeira das saídas cara León, con dous itinerarios previstos dentro dela.
Primeiro será a quenda dos empadroados/as nunha marxe de 24 horas e posteriormente os non-empadroados/as ata o 10 de agosto ou, de darse o caso, ata o esgotamento das 25 prazas habilitadas.
Así, as persoas interesadas poderán reservar praza por orde de inscrición no propio apartado adicado ó SendAres cun trámite integramente telemático, enchendo o formulario creado ex profeso para a ruta.
A travesía Puerto Las Señales-Maraña será a ruta inicial do 27 de setembro, atravesando unha das xoias da flora ibérica, o Pinar de Lillo, e percorrendo despois a arista norte do Pico Lago, cunha característica paisaxe de bloques de roca cuarcítica.
O descenso rematará na vila de Maraña, onde se fará a pernocta, e ao día seguinte, o domingo 28, principiará a segunda ruta entre Maraña-Acebedo. A xornada estará caracterizada pola flora e vexetación típicas dos fondos de val de montaña e o chamado como Circo de Mampodre: un enclave de interese xeomorfolóxico ao presentar un bo estado de conservación das pegadas glaciais.
Programa completo SendAres 2025-2026-Concellaria de Deportes de Ares