O SendAres conclúe a súa tempada de primavera-outono percorrendo os cantís de Loiba

Comparte esta nota de prensa

Co sol e a brisa ao seu favor, os participantes que se animaron a sumarse á última saída do programa municipal do SendAres deste pasado domingo exploraron unha das costas máis fermosas e virxes do litoral galego: os cantís de Loiba, coas súas pedras afuradas polo vento, as praias salvaxes e as furnas de gran beleza.

Os preto de vintecinco sendeiristas desfrutaron desta paisaxe única, principiando a aventura na praia de Esteiro, moi próxima á vila mariñeira do Barqueiro, para continuar o itinerario sempre pegados á costa, gozando do espectáculo do mar e dos areais.

Deu tempo para facer unha parada no coñecido como ‘O banco máis bonito do mundo’ e rematar a experiencia, despois de aproximadamente 13 quilómetros de andaina, no porto pesqueiro de Espasante, dentro do Concello de Ortigueira.

Unha experiencia na natureza ideal para despedir a tempada ordinaria, na súa modalidade de primavera-outono, do SendAres 2024-2025!

Pódeche interesar