O programa de sendeirismo SendAres celebrou onte, domingo 15 de novembro, a segunda saída desta programación cun percorrido circular de 11 quilómetros entre Ares, Cervás e Lubre, unha iniciativa pensada para descubrir e poñer en valor algúns dos enclaves naturais e paisaxísticos máis destacados do municipio.
A ruta partiu ás 9:00 horas da Praza da Igrexa de Ares en dirección á costa, pasando pola Punta do Castelo, as calas de Estacas e A Barrosa, o miradoiro do Blue Star e o Castro de Santa Mariña, ata chegar á Cova dos Mouros. O regreso realizouse polo interior, atravesando Lubre, ata completar o percorrido no punto de partida arredor das 13:00 horas.
O itinerario contou cunha dificultade baixa e un desnivel de 100 metros (+/-), permitindo ás 25 persoas participantes gozar dunha xornada accesible e enriquecedora ao aire libre.
Como novidade nesta saída —e tamén nas dúas seguintes que discorrerán polo municipio de Ares—, a ruta permitiu a participación de mascotas acompañando as súas persoas propietarias, sempre baixo o seu control e co correspondente seguro de responsabilidade civil (RC).
Con esta nova xornada de sendeirismo e natureza, o SendAres continúa promovendo os hábitos de vida activa e achegando o sendeirismo á veciñanza, combinando o exercicio físico co descubrimento do patrimonio natural e paisaxístico da nosa vila.
O SendAres continúa percorrendo e poñendo en valor o patrimonio natural de Ares.
Moitas grazas a todas as persoas participantes e ás súas mascotas por sumarse a esta nova ruta.











