- Nestes últimos días, o Departamento de Servizos Sociais vén de recibir a concesión da subvención da Deputación da Coruña orientada a reforzar o SAF, unha nova administrativa que serve para facer balance do seu estado actual.
- Victoria Montenegro, edila de Benestar: “estamos prestando máis de 60.000 horas de apoio no fogar no concello, entre os programas Básico e de Dependencia, e xa temos preto de 170 usuarios beneficiarios do SAF. Facemos esforzos dende o Concello para que poida medrar o mellor posible”.
Co peche de marzo, no Departamento de Servizos Sociais de Ares recepcionouse a resolución definitiva que cada ano expide a Deputación da Coruña co número de horas totais que adicará, a modo de subvención, para reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) da vila.
E dentro da resolución do ente provincial, constátase que Ares é o 2º concello de menos de 20.000 habitantes con maior número de horas subvencionadas pola Deputación en toda a provincia da Coruña con 13.000 h., só detrás de Neda.
Este último dato, que se centra exclusivamente no programa Básico do SAF aresán, certifica a relevancia desta rede de apoio á veciñanza, concibida como un soporte e desafogo para quen se responsabiliza do coidado continuo da persoa dependente, un coidador/a que tamén se ve afectado por unha forte sobrecarga emocional e física.
“Potenciamos a autonomía dos usuarios o máximo posible”, salienta Victoria Montenegro, concelleira de Benestar, no marco do seu balance, “e se é preciso, en casos urxentes e coa debida valoración técnica, incrementamos dende o Concello as horas para ir máis aló do subvencionado e cumprir coas necesidades que detectamos entre os veciños e veciñas”.
Na práctica, este primeiro programa Básico presta 14.172 horas ao ano de apoio no fogar, e é a ferramenta máis rápida e eficiente namentres os usuarios e usuarias agardan á resolución do grao de dependencia, que vén dado pola Xunta de Galicia.
“Axudamos a cubrir as necesidades máis urxentes, sobre todo porque a dependencia da Xunta pode tardar ata dous anos en facerse efectiva; non podemos deixar aos veciños e veciñas sen o SAF, sen axuda para xestionar a súa dependencia, todo ese tempo”, continúa Montenegro.
A gran diferenza no que atinxe ás dúas modalidades do SAF está, principalmente, no servizo durante as fins de semana e festivos; para poder recibir o apoio os sábados, domingos e festivos, é necesario contar coa valoración de Dependencia da Xunta.
MÁIS DE 60.000 HORAS DE APOIO NO FOGAR
Ás 14.172 horas/ano que se prestan no programa Básico é preciso sumar, de cara a completar a panorámica do SAF de Ares, as que se prestan na versión de Dependencia: 47.148 horas/ano.
“Contabilizando as dúas modalidades, falamos dun SAF con máis de 60.000 horas ao ano destinadas a 167 usuarios. Entendemos que a rede de coidados é sólida e impacta directamente no benestar das nosas persoas usuarias”, fai fincapé Victoria Montenegro.
Para a concelleira de Benestar, o obxectivo último do SAF é claro: “intentamos facilitar a vida e a vellez. Que a xente maior ou dependente poida estar cerca da súa familia e relacións sociais, na súa contorna coñecida, e con certa autonomía. E temos que ser conscientes de que a tendencia demográfica, cunha sociedade cada vez máis envellecida, leva a ampliar máis este servizo de acompañamento e coidado. Por iso facemos todos os esforzos posibles dentro do Concello, sabemos da súa importancia”.
En termos económicos, o SAF executou en 2024 un orzamento entre o programa Básico e o de Dependencia de 1.091.136 euros, asumidos entre tres administracións –o Concello, a Xunta e a Deputación– e o copago dos usuarios; un investimento orientado a previr situacións de exclusión social ou dependencia, manter e mellorar as redes de relación familiares e sociais, posibilitar a permanencia das persoas en Ares e, en resumidas contas, coidar das persoas.
“É unha cuestión de solidariedade. Cando comezamos, había no SAF 30 usuarios e usuarias. Agora nos achegamos ás 170 persoas beneficiarias. Para nós é importante manter unha actitude aberta: dende o Concello temos a predisposición a axudar no que se poida”, conclúe Victoria Montenegro.