Xunto a el, completan o pódium co 2º e 3º Premios o CIRS Cervás con ‘Canfurneiro’ e o Casino Aresano con ‘Trainera Casino’, tras contabilizar as puntuacións dos 103 participantes que dictaminaron cales foron os mellores pinchos de entre todas as propostas.
A concelleira de Comercio, Lucía Blanco, entregou o venres pasado os galardóns e agradeceu a entidades colaboradoras e veciñanza a súa involucración na que xa é a terceira edición deste evento.
A concelleira de Comercio, Lucía Blanco, puxo o broche final o venres pasado ao DegustAres 2024, a ruta do pincho que promove o Concello para fomentar o consumo e a gastronomía local. O salón de actos da Alianza Aresana acolleu o peche desta terceira edición coa presenza dos locais de hostalería e tamén da veciñanza, no marco dun evento nos que se desvelaron os tres finalistas.
Así, tras efectuar o reconto de votos que realizou a veciñanza a través das follas de valoración da ruta, o Tarrafa obtivo o 1º Premio, un vale de 500 euros para investir no comercio aresán, coa súa tapa de ‘Terras do Mar’ (525 puntos), seguido do CIRS de Cervás con ‘Canfurneiro’ (470 puntos) e o Casino Aresano coa súa ‘Trainera Casino’ (405 puntos), levándose respectivamente vales de 400 e 300 euros polo 2º e 3º Premios. En total, 1.200 euros que reforzarán o tecido comercial de proximidade, ao investirse nos locais adheridos no seu momento á campaña de consumo ‘MercAres’, que tamén promove a Concellaría de Comercio.
Lucía Blanco fíxolles entrega dos galardóns aos hostaleiros, parabenizounos polas súas propostas gastronómicas e agradeceu ás entidades colaboradoras (Bodegas y Vinos Ares, Bodegas Valdelana, Abanca e Coca Cola) a súa involucración nesta terceira edición do DegustAres.
“Tamén consideramos esencial darlle as grazas aos veciños e visitantes que se animaron a gozar desta ruta do pincho; eles, xunto coa nosa hostalería, axudan a que a iniciativa se mellore paulatinamente ano tras ano”, salientou a concelleira de Comercio.
OUTROS PREMIOS PARA VECIÑANZA E HOSTALERÍA
A maiores dos galardóns que reciben os locais máis puntuados polo xurado popular, o DegustAres deixa un abano de premios para as persoas que percorren os 10 establecementos de hostalería e cubren debidamente a folla de valoracións.
Nesta anualidade, sorteáronse entre a veciñanza participante dúas camisetas do Racing de Ferrol, amais dun par de entradas para ver ao club ferrolán na Malata contra o Leganés o 26 de maio.
Sumánselle a isto 6 vales de 100 euros, un deles sorteado entre o público asistente, e dúas visitas guiadas con noite de hotel para 2 persoas en ElCiego, Álava; unha para veciños e veciñas e outra para hostalería, ambas por cortesía de Bodegas Valdelana e Bodegas y Vinos Ares.