Un reforzo que provén dende a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e que permitirá aumentar a dotación en novas tecnoloxías de Ares.
O paquete de material disruptivo que se vén de entregar está composto dunha impresora 3D, co seu kit de consumibles, varios robots educativos con kits de construción, drons de voo interior, gafas de realidade virtual e controladores e, finalmente, varias placas de programación e comunicación.
Un equipamento que ampliará as actividades e obradoiros que oferta o Concello na Aula CeMIT. De feito, o persoal técnico xa se atopa instalando o software necesario para habilitar o emprego dos materiais no día a día da Casa da Xuventude e, sobre todo, nas súas sesións formativas.