O Festival Internacional de Entes Animados (FESTEA) recalará na comarca de Ferrolterra un ano máis e Ares converterase nunha das súas sedes, acollendo diferentes funcións teatrais con entrada libre e de balde. Ao longo das próximas fins de semana, seis compañías procedentes de Portugal, Brasil e Inglaterra desembarcarán non só no noso concello, tamén en Cabanas, Fene, Ferrol, Narón, Miño, Neda e Valdoviño para presentar os seus espectáculos, caracterizados por unha considerable diversificación, ao permutar do teatro de títeres de luva até novas narrativas engaiolantes.
Contando todas as actuacións que ofrece o FESTEA en todos os municipios, haberá a posibilidade de desfrutar de 20 espectáculos teatrais, protagonizados por Caricata Teatro (España/Portugal), Drew Colby e Shadowgrapher (Inglaterra), Fábio Superbi (Brasil), Fio d’Azeite (Portugal), Historioscopio (Portugal) e Rui Sousa (Portugal).
A través do esforzo colectivo das 8 administracións locais involucradas, o Festival Internacional de Entes Animados 2024 materialízase con obras de pequeno e mediano formato en centros cívicos sociais do rural, espazos culturais e colexios, durante as xornadas do 20, 21, 22 e 27,28 e 29 de setembro.
DOUS ESPECTÁCULOS EN ARES
No caso de Ares, as funcións teatrais distribuíranse en dúas xornadas, unha por fin de semana no que se celebra a VI Edición do Festival Internacional de Entes Animados.
Primeiro chegará ó Centro Cultural Outeiro de Chanteiro os títeres da compañía lusa Fio d’Azeite o sábado, 21 de setembro, ás 18:30 horas, co espectáculo ‘Dom Roberto’. Despois, o acento portugués continuará a resoar na vila, pero desta volta o venres, 27 de setembro, ás 20:00 horas na Alianza Aresana grazas á actuación de Rui Sousa coa súa función ‘Sem pés nem cabeça’.