O XIV Mercadillo Veciñal do Concello de Ares chegará á vila o vindeiro 6 de xullo

Comparte esta nota de prensa

  • O paseo marítimo encherase durante todo o día de postos para intercambiar, mercar e vender produtos de segunda man, material de coleccionismo ou artesanías.
  • Para a reserva de stands será necesario inscribirse de xeito presencial na Biblioteca Municipal de Ares en dúas quendas: do 16 ao 17 de xuño empadroados/as e do 18 ao 19 de xuño, resto de solicitantes. Cun máximo dun posto por persoa, o prezo de cada stand será de 8 euros para particulares e 10 euros para profesionais.

 

A Concellaría de Cultura vén de publicar as bases que regulan o XIV Mercadillo Veciñal de Segunda Man do Concello, un evento que se organizará o domingo, 6 de xullo, ao longo do paseo marítimo da localidade entre as 9:00 h. e 22:00 h.

Nesta iniciativa xa tradicional dentro do verán do municipio, veciñanza, asociacións e profesionais poderán poñer á venda dende as súas artesanías a unha ampla variedade de artigos de segunda man, como xoguetes, libros, roupa, calzado, bisutería ou material de coleccionismo. Só se contempla unha limitacion: non se permitirá a venda de ningún tipo de alimento ou comida.

Será unha oportunidade perfecta para intercambiar ou mercar nos 120 postos que se colocarán no municipio cunha extensión de 3 metros lineais, sendo os seus adxudicatarios os responsables de levar todo o necesario para a súa montaxe.

Con todo, a participación no Mercadillo Veciñal precisa formalizar unha inscrición previa, enchendo unha solicitude de reserva de praza e presentándoa nas instalacións da Biblioteca Municipal de Ares.

Habilitáronse dúas quendas para a reserva: primeiro poderán inscribirse os empadroados/as na vila, do 16 ao 17 de xuño, e despois o resto de solicitantes, do 18 ao 19 de xuño, en horario de 10:00 a 14:00 h.

As solicitudes deben realizarse fisicamente, presentando a documentación de reserva de posto e pagando os importes exactos de cada stand: 8 euros os particulares e 10 euros os profesionais.

Para ampliar información ou solventar dúbidas, ponse a disposición das persoas interesadas o número de teléfono 981 448 057.

Consulta a documentación na seguinte ligazón: https://concellodeares.gal/xiv-mercado-vecinal-de-segunda-man-concello-de-ares-2025/

 

 

Pódeche interesar