As súas Maxestades percorrerán a partir das 16:30 horas tanto as parroquias como o núcleo urbano da vila, onde rematarán o seu itinerario para facer a súa recepción no interior da Alianza Aresana.
Este domingo, 5 de xaneiro, os Reis Magos chegan dende Oriente ata Ares para saudar e escoitar a toda a veciñanza que desexe pasar a xornada con eles.
Arredor das 16:30 horas sairá a súa carroza dende a Praza do Pedregal de Redes para percorrer as parroquias do concello, incluíndo no itinerario Barracido, Mariña do Pombal, Seselle, Pedrós, Lubre, Chanteiro e Cervás. E dende Cervás emprenderán a viaxe en dirección a Ares, onde lles estarán agardando o resto de carrozas para sumarse á súa comitiva e desfilar polas rúas da vila.
A cabalgata pechará o seu percorrido na Alianza Aresana aproximadamente ás 18:45 horas, e será alí onde Baltasar, Melchor e Gaspar farán a súa parada para recibir aos pequenos e pequenas e familias que se acheguen a coñecelos.
No caso de condicións climatolóxicas desfavorables, considerarase a posibilidade de reducir o percorrido da cabalgata para dirixirse directamente á recepción na Alianza Aresana.
Dende a Concellaría de Cultura agradecen a involucración da Sociedade Cultural O Tilo e Protección Civil de Ares para materializar un ano máis a cabalgata de Reis Magos.