Para o deseño das rutas enmarcadas dentro do proxecto “Ares Descobre”, nestes días levouse a cabo un proceso de gravación de videotestemuñas con algúns informantes aresáns, as persoas que mellor poden coñecer a historia do territorio polo que transcorrerán os percorridos tematizados.

Comparte esta nota de prensa

Share on facebook
Share on linkedin
Share on twitter
Share on email
Así, primeiro visitouse Caamouco para falar con Ernesto López Naveiras, historiador da parroquia e presidente de honra da Agrupación Instrutiva de Caamouco. A conversa con el serviu para afondar mellor no pasado mariñeiro de Redes a través da evolución das súas rúas e a singularidade da súa arquitectura. López Naveiras destacou especialmente a importancia de recuperar e transmitir a memoria do lugar para que as persoas máis novas, xunto cos visitantes, poidan saber de primeira man como era o porto de Redes.

Despois, a gravación trasladouse ata Cervás para coñecer a Javier Domínguez Vilasánchez, pescador de ribeira, e César Pita Carretero, un apaixonado da historia local e escritor do libro “Na ribeira das nosas vidas”. Con ambos puidose revivir como era un día a día nas ribeiras da contorna, lugares recoñecidos non só pola súa actividade pesqueira, senón tamén pola súa relevancia social e cultural. Ademais da pesca, nestes espazos tiñan lugar as primeiras aprendizaxes sobre o mar, trasladadas de xeración en xeración, e que marcaban o recordo dos aresáns.

Estas actividades de gravación forman parte do proceso de creación de contidos para a elaboración de dúas rutas sobre o territorio. As rutas conforman o proxecto denominado como “Definición, deseño e implementación de rutas tematizadas para a promoción do patrimonio natural e mariñeiro do concello de Ares. Ares Descobre”, impulsado pola Concellaría de Deportes da localidade co financiamento do GALP Golfo Ártabro Norte e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Pódeche interesar