PORTOS MARÍTIMOS

Porto pesqueiro de Ares

Conta coas mellores vistas da ría; pode observarse tanto o paseo marítimo, un dos maiores encantos mariñeiros de Ares, como a praia urbana que percorre a localidade. Nel, atópanse amarrados os barcos de pesca que se encargan de proporcionar aos restaurantes o marisco e o peixe fresco destas augas, satisfacendo así o noso padal cos mellores pratos da gastronomía típica galega.

 

Porto pesqueiro de Redes

Redes é un dos portos pesqueiros máis pintorescos das Rías Altas. As súas casas están na beira do mar e os mariñeiros amarran as súas embarcacións ás portas, usando o limiar como embarcadoiro.

É un dos lugares elixidos por moitos directores de cinema para dar escenario ás súas películas e series de televisión, pola súa inigualable paisaxe que presenta tanto o porto como os seus arredores.

As cabrias de madeira situadas na praia de ‘Area Morta’ empregábanse para secar as redes dos pescadores, agora convertidas nunha imaxe típica da vila.