Principia a actividade lúdico-formativa do Campus de Verán do Celta en Ares

Comparte esta nota de prensa

  • O Prados Vellos acolleu esta mañá a súa primeira sesión co equipo de monitores do club olívico e a rapazada inscrita nesta tradicional iniciativa futbolística.
  • Por diante encaran unha semana de adestramentos baixo as metodoloxías do Celta en horario matutino, centrándose non só na mellora técnica, senón na promoción de valores como o compañeirismo.

 

Comeza hoxe mesmo unha nova edición do Campus de Verán do Celta no municipio aresán, un evento deportivo que se promoverá ata o 18 de xullo nas instalacións municipais do campo de fútbol de Prados Vellos para que a rapazada poida mellorar na súa práctica deportiva.

A iniciativa, que enfatiza ano tras ano as boas relacións entre o Concello, o club olívico, a Federación Galega de Fútbol en Ferrol e o Numancia de Ares, conta cun longo percorrido na oferta de verán da vila, actuando como unha oportunidade para entrar en contacto coas metodoloxías do Celta.

Así, nos próximos días haberá tempo e espazo para mellorar as habilidades técnicas e tácticas, amais de desenvolver valores chave no fútbol contemporáneo, como é o caso do respecto ao compañeiro e o traballo en equipo. Aplicarase un enfoque lúdico-formativo que garanta que a rapazada poida divertirse a través do deporte ao compás da súa mellora como xogador/a.

Serán cinco xornadas para rapaces e rapazas de 4 a 16 anos, incluíndo na súa organización a roupa de entrenamento, as merendas, a cerimonia de clausura con entrega de premios, sorteo de regalos e a posibilidade de recibir o denominado como Premio AFOUTEZA: un entrenamento coa canteira do Real Club Celta.

 

Pódeche interesar