- Este espazo de gran valor natural verá renovada a súa pasarela de madeira, amais de contar con talas selectivas e a limpeza da contorna, grazas ao esforzo económico feito tanto polo Concello como pola Consellería de Medioambiente e Cambio Climático.
- Contabilizando o investimento de 225.000 euros que se farán nestes traballos, dende 2008 adicáronse máis de 700.000 euros á recuperación e rexeneración do humidal, cunha enorme diversidade de fauna e flora.
O humidal da Xunqueira, un espazo natural cunha valiosa avifauna e consolidado como lugar de referencia para a veciñanza, visitantes e amantes da natureza pola súa condición de refuxio verde no núcleo urbano de Ares, estase a someter a un proceso de rexeneración grazas á intervención que xa principou a finais de setembro e continúa na actualidade.
Froito da colaboración entre o Concello, que achega 45.000 euros, e a Consellería de Medioambiente e Cambio Climático, que investirá 180.000 euros a través de tres liñas de subvención, o humidal verá renovado ao peche da intervención os materiais e elementos que integran o seu paseo fluvial: vigas, correas, tarimas, varandas… O proxecto tamén inclúe o desbrozado das marxes, a limpeza de refugallos que se atopen sobre o paseo elevado e unha tala selectiva de ramas que supoñan un risco pola súa posible caída.
Procurarase mellorar así a conectividade entre o medio rural e o periurbano, mais tamén restaurar o humidal como forma de previr os riscos asociados ao cambio climático, sabedores da súa importancia para a vila como gran espazo natural e fogar dunha biodiversidade de enorme valor.
UN ESPAZO REXENERADO AO LONGO DO TEMPO
Toda vez que se execute este proxecto de 225.000 euros, o montante final de investimentos orientados á rexeneración da Xunqueira dende 2008 superará os 700.000 euros, tendo en conta o conxunto de actuacións que se materializaron para a súa recuperación.
De feito, o primeiro tramo da actual pasarela de madeira instalouse xa en 2009, a partir do convenio asinado entre Julio Ignacio Iglesias Redondo, alcalde de Ares, e Pachi Vázquez, conselleiro de Medioambiente, para a rexeneración integral do humidal, incluíndo a depuración do río e a conservación da riqueza paisaxística e animal da contorna.
Nas seguintes lexislaturas o Concello ampliou progresivamente os tramos da pasarela de madeira coa colaboración veciñal, incorporou puntos de observación de aves, orientou as accións cara o respecto da fauna e flora locais do humidal e deseñou, en esencia, unha liña de traballo por tramos centrada na rexeneración e potenciación da Xunqueira para o desfrute e lecer da veciñanza.
Un traballo de carácter medioambiental que tamén incluiu non só a prolongación do paseo fluvial, como aconteceu en 2011 e 2013, senón tamén a reposición da madeira conforme se fose desgastando, executando intervencións de mantemento, e a dotación de máis equipamento ao espazo verde: carteis informativos das especies de flora e fauna, novos refuxios de madeira para patos nas zonas non inundables e niños e comederos para paxaros en masas arbóreas.