A Alianza Aresana converteuse este pasado venres, 28 de marzo, en centro de aprendizaxe coa charla “Que sabemos de drogas?“, a última proposta da Academia AresXSalud, a iniciativa do Concello destinada a promover un aumento do coñecemento da veciñanza en materias vencelladas coa promoción da saúde.
A sesión estivo conducida por Rebeca Graña Torralba, educadora social en ASFEDRO e experta en prevención e redución de riscos no consumo recreativo de drogas, facendo dela unha oportunidade única para conversar cunha profesional con ampla experiencia neste ámbito.
A charla, de acceso libre e gratuíto, permitiu a pais, nais ou persoas que traballan coa infancia e adolescencia en centros educativos, actividades extraescolares ou clubes deportivos abordar a información xeral sobre as drogas, os procesos de comunicación familiar e as principais sinais de risco que se poden apreciar no relativo ao consumo de estupefacientes.
A través dunha primeira parte máis expositiva, e despois promovendo o diálogo entre veciñanza e a propia experta, a Academia AresXSalud contribuíu a afondar nunha temática tan sensible para toda a sociedade.