‘Rotspanier’, de Juan Galán: unha ollada rigorosa ao exilio republicano galego

Comparte esta nota de prensa

A presentación de Rotspanier. Un miliciano galego no exilio francés (1939–1945) reuniu este venres pasado á veciñanza no salón de actos da Alianza Aresana para achegarse á última obra do veciño escritor Juan Galán, que desta volta publica o que é o seu primeiro traballo de investigación histórica.

En conversa coa concelleira de Cultura, Alma Barrón, Galán afondou nas claves dun volume inscrito na colección de memorias da Editorial Galaxia e que rescata do silencio a historia dos ‘rotspanier’: os republicanos que, tras fuxir da represión franquista, sufriron o exilio e remataron en campos de concentración e de traballo forzado na Europa ocupada polo Goberno de Vichy e o nazismo.

A través da peripecia vital de Joaquín Fernández Millán, mariñeiro da Pobra do Caramiñal e miliciano do Exército de Euskadi, o libro traza unha panorámica rigorosa e humana dun destino compartido por outros tantos españois na primeira parte do século XX; un relato para recuperar a memoria histórica colectiva e comprender mellor o noso pasado coma sociedade.

Actividade organizada no marco da programación cultural do Concello.

 

Pódeche interesar