O programa municipal de sendeirismo #SendAres2026 arrancou cunha fermosa xornada de natureza nas Fragas do Eume, onde as persoas participantes completaron a Senda dos Cerqueiros e miradoiro da Carbueira, un percorrido de 12 quilómetros polo corazón deste espazo natural.
Ao longo da ruta, a veciñanza puido descubrir a riqueza paisaxística e botánica do parque, entre carballos, castiñeiros, fentos autóctonos e outras especies propias do bosque atlántico. Un dos momentos máis destacados foi a chegada ao miradoiro da Carbueira, desde o que se pode contemplar unha impresionante panorámica do encoro do Eume e da súa contorna natural.
A iniciativa, promovida polo Concello de Ares a través da Concellaría de Cultura, Deportes, Mocidade e Patrimonio, conta co apoio da Deputación da Coruña e busca fomentar hábitos de vida saudables, o contacto coa natureza e o coñecemento do patrimonio natural.
Grazas a todas as persoas que participaron nesta primeira andaina e contribuíron a gozar dunha magnífica xornada de sendeirismo e convivencia!









