O Concello de Ares vén de lanzar a campaña medioambiental ‘Senta con nós’, unha iniciativa destinada á comunidade educativa do CPI As Mirandas e ás súas familias para a recollida e reciclaxe de botellas.
Organizada conxuntamente pola Concellaría de Medioambiente e o propio centro educativo, a rapazada da vila poderá depositar alí as botellas e tapóns para que, co seu debido tratamento, poidan transformarse nun banco e papeleira de material reciclado que se colocarán nas mesmas instalacións do CPI As Mirandas.
Co lema ‘Recicla hoxe, séntate mañá’, a campaña municipal procura facer entender como as nosas accións no presente teñen un impacto a medio-longo prazo no futuro, aínda que no momento non poidamos aprecialo de forma directa.
Deste xeito, instalouse un punto fixo único de recollida no CPI As Mirandas, mais tamén se inclúe o reparto de máis de 1.400 folletos informativos entre o alumnado e a veciñanza, contextualizando a campaña, fomentando a participación e procurando instaurar bos hábitos ecolóxicos entre a veciñanza. Con todo, non só se trata de mellorar no proceso de reciclaxe, senón tamén de facer que a mocidade se sinta responsable e partícipe da creación dunha contorna máis sostible.