- O pavillón polideportivo municipal acollerá durante toda esta semana as sesións dirixidas por Chiqui Barros para a rapazada de entre 5 a 22 anos, divididos en grupos en función as súas habilidades e contacto co baloncesto.
- A iniciativa, na que intervén o Concello, acada así a súa decimosétima edición mantendo o espírito de aprendizaxe e diversión de sempre.
Resoan as zapatillas e os botes no pavillón polideportivo de Ares. Regresa un ano máis o Campus Chiquibásquet á localidade para que nos próximos días ninguén se quede sen entrar en contacto co baloncesto, mellorando as habilidades técnicas, pero sobre todo atopándose con outra xente fan do deporte.
Onte mesmo dirixiu Chiqui Barros, o promotor do Campus xunto co Concello, a primeira das sesións deste clásico evento estival. Divididos en dous grupos, un dos 5 a 18 anos e outro de 19 a 22 anos, aplicaranse metodoloxías lúdico-formativas para garantir que a aprendizaxe se adapte ás necesidades de cada participante, personalizando a ensinanza en función dos niveis técnico-tácticos dos xogadores. Poderán entrar en contacto co baloncesto por primeira vez, mais tamén perfeccionar algunhas xogadas ou técnicas sobre a cancha.
Con todo, non estará só Chiqui Barros como profesor no Campus. Ao seu carón estarán os monitores Simón Bermúdez, Sergio Fernández e Felipe Montero, xunto con Verónica González dende a parte organizativa, e tamén convidados como Alberto Rodríguez –ex xogador e director técnico do Xuventude Cambados na actualidade–, Manuel Carballeira e Jorge Varela –adestradores superiores de baloncesto- ou Carlos Cortés, árbitro da ACB e Euroliga.
O propio Chiqui Barros tamén achegará a súa experiencia no mundo do baloncesto como adestrador profesional, unha carreira que principiou na tempada 1994-1995 e que aínda perdura a día de hoxe despois de pasar polo Universitario Ferrol, o Bembibre –que ascendeu á máxima categoría con el e competiu durante catro anos na elite-, o Baloncesto Coruña, Plasencia, Calpe ou Vilagarcía, entre outros.