- A Concellaría de Cultura súmase ao programa de mobilidade do Centro Dramático Galego (CGD) para que a veciñanza poida acudir até Santiago de Compostela, saíndo o 4 de outubro ás 15:10 h. da Porta do Sol – Froiz.
- As inscricións recolleranse a partir de mañá ben telefonicamente no 981 448 057, ben presencialmente na Biblioteca Municipal de Ares.
Ares volverá a incorporarse ao Plan de Mobilidade do Centro Dramático Galego (CDG) a través da Concellaría de Cultura para facilitar o acceso dos veciños e veciñas ás obras teatrais que se están a representar en Santiago de Compostela. Así o anunciou Alma Barrón, edila encargada desta área, ao mesmo tempo que debullou os detalles da próxima saída dende a vila cara Compostela.
Será o sábado, 4 de outubro, ás 15:10 h. cando a veciñanza poderá subirse ao autobús que sairá dende a Porta do Sol, na contorna do Froiz, cara o Salón Teatro de Santiago de Compostela, para gozar da peza teatral ‘A serie Clopen’, unha obra destinada a todos os públicos.
Dirixida por Pablo Reboleiro, trátase dunha comedia hilarante que inclúe danza e acrobacias imposibles, nun formato multidisciplinar, para reflexionar en chave de humor arredor dos retos que afronta a mocidade actual nestes tempos de incertidume.
De feito, A serie Clopen afondará na historia de Alicia, unha rapaza que está construíndo a súa identidade e investigando o mundo que se estende ante os seus ollos con moitas preguntas: que alternativas quedan nun mundo absolutamente dixitalizado? Poderá a mocidade superar os grandes retos da súa xeración, entre eles o momento político contemporáneo, con novos contextos bélicos, auxe de totalitarismos, aumento da desigualdade…?
Para reservar praza nesta iniciativa, é preciso contactar coa Biblioteca Municipal de Ares, ben presencialmente, ben telefonicamente no 981 448 057, e depositar os 5 euros do prezo da entrada, pois o transporte en autobús é totalmente de balde para a veciñanza. O proceso de inscricións abrirá mañá, martes, 9 de setembro.