A Deputación da Coruña vén de convocar unha nova edición dos seus campamentos deportivos de verán, unha iniciativa que achega unha ampla variedade de actividades a menores de múltiples localidades, incluíndo Ferrolterra, Eume, Ortegal e a comarca de Betanzos.
No que atinxe a Ares, as programacións levaranse a cabo na quenda do 21 ao 26 de xullo, desenvolvéndose no IES Rosalía Mera na Coruña e habilitándose 4 prazas para a rapazada aresá. Durante cinco días, haberá oportunidade de gozar de xornadas de praia, practicar deportes náuticos ou mesmo visitar diferentes centros culturais da cidade coruñesa.
O campamento deportivo destínase aos nenos e nenas de entre 9 a 14 anos –os nados entre o 1 de xaneiro de 2010 e o 31 de decembro de 2015– e conta cun prezo de 85 euros, que se deberá facer efectivo unha vez estea confirmada a praza.
Para inscribirse, as familias aresáns interesadas deberán presentar unha folla de preinscrición cuberta que se pode descargar dende a web institucional (www.concellodeares.gal) ou ben retirala na OMIX municipal nas Alianzas Aresanas. O prazo para facer esta solicitude estará aberto até o día 28 de maio.
No caso de que houbera máis solicitudes que prazas, o día 30 de maio farase un sorteo público para determinar as catro persoas do Concello de Ares que acudirán á esta actividade. Para a resolución de dúbidas, a Concellaría de Deportes pon a disposición da veciñanza o correo electrónico deportes@concellodeares.com.
Toda a información en https://concellodeares.gal/campamentos-deportivos-deputacion-da-coruna-veran-2024/