No Ares Indiano continuarán mesturándose os ritmos galegos coas melodías cubanas grazas ás súas actuacións musicais e pasarrúas que encherán de vida as rúas do municipio ao longo do 22, 23 e 24 de agosto. Galicia e Latinoamérica uniranse un ano máis a través da cultura e da expresión artística.
Desta volta, o grupo Septeto Naborí traerá os sons de Cuba ata Ares cunha actuación envolvente, incorporando ritmos da música tradicional cubana. A súa traxectoria artística abrangue tres décadas subíndose aos escenarios, mesmo con participacións en festivais internacionais en toda Europa. Unha actuación para bailar e desfrutar o sábado, 23 de agosto, a partir das 22:30 horas.
Tamén Xabier Díaz chegará xunto coas Adufeiras do Salitre para combinar a tradición popular musical do territorio galego coas harmonías contemporáneas. Considerado como un dos nomes imprescindibles na recuperación de melodías con fondas raíces na identidade de Galicia, a voz e pandeireta de Xabier Díaz cobrarán relevancia e enfatizarán os cerca de 400 concertos e máis de 30 anos que acubilla nas súas mans, sempre cunha clara aposta pola recuperación das cancións tradicionais. Tocará o domingo, 24 de agosto, ás 22:00 h. horas na Praza da Igrexa.
A esta oferta musical do Ares Indiano é preciso engadir a todas as agrupacións locais aresáns que sumarán os seus instrumentos á celebración indiana, xunto cos grupos dos pasarrúas chegados dende o resto da comarca.
A Rondalla Trovadores de Ares, a banda de Gaitas Aresán e a de Ría de Ares, a banda de música da A.C. Xábrega, a voz de Geno Fernández, a alegría de Son de Troula e Sabor a Sal, as composicións de Os Primerizos, Os Cantaberneiros, Troiano s de Compostela ou A Misela nas parroquias… unha boa mostra para que todo o mundo poida gozar e bailar durante a fin de semana.